Sotavento achega o mundo da enerxía aos máis pequenos e pequenas

A Escola Infantil de Vilalba recibe habitualmente obradoiros sobre enerxía cada curso escolar.

A Escola Infantil de Vilalba é o centro de educación infantil que recibe habitualmente obradoiros do programa de actividades prácticas coas que o parque experimental Sotavento achega a nenos e nenas de 3 a 6 anos a importancia da enerxía, os problemas ambientais derivados ou o valor dos nosos hábitos.

/ Enviado por redactor o Ven, 16/06/2017 - 16:20

Conscientes da importancia dunha educación ambiental dirixida a todos os colectivos e idades, Sotavento consolida a súa proposta educativa dirixida aos ciclos de educación infantil.

A través dun amplo programa de actividades prácticas e experiencias adaptadas a estes nenos e nenas de entre 3 e 6 anos, descubrimos a importancia da enerxía, os problemas ambientais derivados e o enorme valor dos nosos hábitos de aforro e eficiencia.

Son case inexistentes os proxectos educativos que inciden en aspectos de educación enerxética a estas idades temperás. A falta de medios e a súa dificultade son os argumentos esgrimidos para pasar por alto uns dos temas de maior importancia para o ser humano do SXXI: A enerxía. 

Con todo, consideramos que estas idades son as idóneas para establecer preconceptos e fomentar valores que determinarán as futuras condutas adultas.

Desde hai anos, son moitos os centros de infantil que se interesaron por este proxecto educativo. Un dos máis habituais é a escola infantil de Vilalba. Esta vez, os seus alumnos e alumnas de entre 3 e 5 anos puideron gozar de diferentes actividades prácticas como transformar a enerxía do sol en enerxía eléctrica a través dunha placa fotovoltaica, experimentar cunha turbina hidráulica, de vento, etc. Mesmo, mediante a utilización de construcións, jerarquizaron o balance enerxético do noso país priorizando as fontes renovables. Aínda que poida parecer complicado, as súas respostas ante problemas complexos son moitas veces máis sensatas que a de moitos adultos.