A taxa de criminalidade de Friol mantense máis de catro puntos por debaixo da media provincial

Carballo e Santos copresidiron a xunta local de seguridade en Friol.

O subdelegado do Goberno copresidiu a reunión da xunta local de seguridade, que  analizou a evolución da delincuencia no municipio ao longo do último ano.

/ Enviado por redactor o Mér, 15/02/2017 - 14:52

O subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo, e o alcalde de Friol, José Ángel Santos, copresidiron este mércores a xunta local de seguridade no municipio, na que participaron ademais representantes da Garda Civil, o Subsector de Tráfico, a Policía Autonómica e a Policía Local.

Segundo se espuxo neste encontro, a taxa de criminalidade de Friol sitúase nas 16,95 infraccións penais por cada mil habitantes, máis de catro puntos por debaixo da media da provincia (21,1) e máis de dez por debaixo da media galega (27,4), atendendo aos datos do balance presentado onte mesmo polo Ministerio do Interior.

Das estatísticas da Garda Civil despréndese ademais que a delincuencia rexistrou o ano pasado un lixeiro aumento con respecto ao ano anterior no municipio, se ben mantense en cifras relativamente baixas, cunha media en torno a tres denuncias ao mes por calquera tipo de feito delictivo. Os delitos contra o patrimonio mantéñense en idénticos niveis á anterior anualidade, mentras que baixan os delitos contra as persoas e os delitos contra a seguridade colectiva, entendendo como tal os delitos contra a saúde pública e contra a seguridade vial, por exemplo.

Suma de esforzos

A xunta local de seguridade comprometeuse a seguir traballando de xeito conxunto e sumando esforzos para reducir a delincuencia en Friol e para resolver os feitos delictivos que se chegan a producir. Neste senso, lembraron que o grao de esclarecemento dos delitos subiu neste concello en 2016, un período no que os axentes da Garda Civil destinados no municipio detiveron a 6 persoas e imputaron a outras 13.

Os asistentes á reunión referíronse tamén aos datos do que vai deste ano, salientando a tendencia á baixa que se apreza na delincuencia. De feito, durante o mes de xaneiro non se rexistraron no posto da Garda Civil de Friol denuncias por ningún tipo de infracción penal.

Seguridade escolar

O subdelegado do Goberno informou ademais do traballo realizado no marco do Plan director para a convivencia e a mellora da seguridade escolar nos centros educativos e as súas contornas, e animou aos centros de ensino do municipio friolés a solicitar a celebración das charlas contempladas no mesmo e que imparten membros das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.

Este plan director, deseñado pola Secretaría de Estado de Seguridade, busca reforzar a educación, prevención e vixianza nos centros escolares poñendo á súa disposición a asistencia técnica que precisen para previr e abordar os episodios graves que poidan ameazar a convivencia escolar, así como axudando a mellorar o coñecemento de alumnado, pais e nais e profesores sobre os problemas de seguridade que afectan aos máis novos. 

No presente ano lectivo, beneficiáronse do Plan director un total de 2.574 persoas de 94 centros educativos de toda a provincia.