UCGAL organiza unha xornada informativa sobre cláusulas chan en Vilalba

A actividade terá lugar o mércores, 15 de febreiro, ás oito do serán na Casa da Cultura.

/ Enviado por redactor o Dom, 12/02/2017 - 22:50

O vindeiro mércores, 15 de febreiro, técnicos da Unión de Consumidores de Galicia levarán a cabo unha xornada informativa no Concello de Vilalba titulada Que podo facer ante unha cláusula chan?, unha actividade cuxo obxectivo é axudar a veciñanza a despexar as súas dúbidas sobre as cláusulas chan e o impacto que a recente sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea terá sobre a devolución dos importes cobrados indebidamente.

A xornada informativa levarase a cabo no salón de actos da casa da cultura o mércores, 15 de febreiro, ás oito do serán. A entrada é libre e gratuíta ata completar aforo.

UCGAL recoñece que, trala sentenza ditada recentemente polo Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE), o número de consultas sobre as cláusulas chan aumentou e que, practicamente cada día, atenden chamadas de persoas consumidoras que buscan información e asesoramento.

Esta xornada informativa forma parte dunha serie de actividades que UCGAL está a desenvolver por toda Galicia para achegar á cidadanía información actualizada e veraz sobre as cláusulas chan.

O secretario xeral da Unión de Consumidores de Galicia, Miguel López Crespo, explica que “o obxectivo desta actividade é que cada persoa coñeza a situación na que se atopa para saber se ten unha hipoteca que inclúe unha cláusula desta natureza, e no caso de que se sexa así, se ten a posibilidade de recuperar o seu diñeiro. Tamén cabe a posibilidade de que parte dese diñeiro xa lle fora devolto, dependendo da entidade bancaria coa que se asinou a hipoteca. En definitiva, trátase de que o consumidor poida ter información detallada e individualizada, sen ningún tipo de custe, sobre a súa situación, e unha vez coñecido iso poida reclamar para que lle deixen de aplicar as cláusulas chan”.