Víctor F. Freixanes: “O galego é un patrimonio común dos seus falantes”

Víctor F. Freixanes, presidente da RAG.

Por número de falantes o galego ocupa o lugar 160 entre as 5.500 linguas do mundo; pero é a segunda lingua europea máis falada entre as non oficiais en ningún estado. 

/ Enviado por redactor o Mér, 17/05/2017 - 13:24

No eido cultural é, na actualidade, unha literatura recoñecida en todo o mundo cun volume de obras literarias galegas traducidas a outras linguas en aumento. Tamén existe gran produción teatral e audiovisual en galego. Atópase entre as 30 linguas máis empregadas na rede e mesmo é lingua de uso dalgunhas aplicacións.

Tamén se emprega no eido político, educativo e nas administración; aínda que non plenamente normalizado. Pero os ámbitos con menor presenza son o empresarial, o xurídico, o eclesiástico e o dos medios de comunicación privados.

- Cales cre que son os prexuízos actuais destes sectores?

- Os prexuízos son o resultado, en gran medida, da propia historia social da lingua. Historicamente o galego veu asociado ás clases humildes, ás clases populares, o nivel B no estrato xerárquico da sociedade, fronte o nivel A, que era a lingua do poder, a lingua do Estado, a lingua das clases dominantes. O mundo da empresa, o mundo financeiro, o mundo xurídico ou eclesiástico pertencen historicamente a ese estrato A e, malia os avances que se produciron na consideración e no uso social da lingua, que se produciron moitos avances nestas últimas décadas, quedan actitudes que non se dan superado. Esta é unha materia pendente do galego, que non se corresponde coa súa realidade social de uso, nin co prestixio e recoñecemento da súa produción literaria e cultural, por exemplo. 

- E cal cre que é o estado de saúde no resto dos ámbitos?

- A lingua está viva. É unha das máis vivas entre as linguas europeas sen Estado. Pero non ten Estado, non ten poder efectivo -aínda que o teña simbólico. ¿Pode unha lingua coma o galego realizarse plenamente nun marco político máis amplo -neste caso o Estado español, a Unión Europea-? Velaí unha cuestión que abordar, para a que cómpre dar con respostas teóricas e, sobre todo, con actuacións prácticas. Preocupa a perda cuantitativa de falantes, por exemplo. Preocupa que se poida romper a transmisión xeracional do galego de pais a fillos. Preocupa a preguiza ou a nugalla de moitos sectores -tamén as administracións públicas- que din unha cousa e fan ou consenten a contraria. O galego é un patrimonio común que nos compromete a todos.

- Co seu recente nomeameto como presidente da RAG. Cales son os seus obxectivos e motivacións á fronte desta institución simbólica?

- Quixera encontrar espazos de entendemento e diálogo. A RAG debe ser firme nos seus principios, mais debemos atopar espazos de entendemento para conseguir avanzar no uso da lingua, no seu prestixio e na súa dignidade social. E iso é algo que atinxe a todos os galegos e galegas, ao conxunto da sociedade, que é plural e diversa. A lingua non é propiedade duns poucos, por ilustrados que parezan. Tampouco é propiedade da Academia. A lingua é fundamentalmente dos falantes. De todos os falantes. E hai que atopar os camiños de confluencia para entre todos vivificala, activala, facela cada día máis rica, máis moderna e máis nosa. É un activo ao que a sociedade non pode renunciar. Mesmo un activo económico, como marca de identidade no ámbito da globalización uniformizadora. Por outra banda, hai unha liña de traballo na que debemos afondar: a comunicación coa sociedade. A sociedade debe saber que se está a facer na Academia. Necesitamos recursos para facer máis cousas, pero tamén temos que saber explicar ao conxunto dos galegos e as galegas a utilidade do que facemos.

- Falando deses recursos, cre que debe recibir apoios doutros organismos? E que factores considera determinantes dende a propia sociedade? 

- Para que a Academia poida dar conta das demandas sociais arredor da lingua e da cultura necesita recursos económicos e humanos. Os recursos da RAG, se os comparamos xa non coa Academia da Lingua Española, senón coa Academia Vasca ou o Instituto de Estudos Cataláns, son moi cativos. Cómpre revisar esa política, tanto por parte das administracións públicas como por parte da sociedade civil. Esta é unha cuestión que me parece moi importante: temos que saber implicar a sociedade civil nos proxectos da lingua e da cultura galegas que poida promover a Academia. Non se trata de pedir cheques en branco. De ningunha maneira. Debemos dar conta miúda de cada centavo, pero sen recursos non se pode caer na hipocrisía de pedirlle á Academia o que a Academia non pode dar, porque non está en condicións de facelo. Debo advertir unha cousa: os académicos e académicas non cobramos, non recibimos retribución económica ningunha pola nosa ocupación e traballo. Pero hai equipos profesionais que deben estar minimamente dotados e profesionalizados. Estamos a falar de cuestións básicas de estabilidade, en calquera institución. 

Letras Galegas

- A RAG decidía homenaxear polo Día das Letras Galegas deste 2017 ao narrador e promotor da cultura galega Carlos Casares, predecesor seu na dirección xeral da Editorial Galaxia. Por cales aspectos da súa vida e obra considera (ou non) que é merecedor deste recoñecemento?

- Casares ten unha obra moi ampla, moi rica, dirixida mesmo a públicos moi diversos, dende a literatura para os máis novos á literatura para adultos: novela, narrativa breve, biografías, ensaios, crítica literaria, columnismo nos xornais... Sen contar outras dimensións da súa personalidade que o fan extraordinariamente interesante: o seu compromiso coas institucións, por exemplo, porque un país necesita institucións estables e con credibilidade, incluída a RAG, por suposto. As institucións son os alicerces que sosteñen a sociedade política (na dimensión máis auténtica do que significa a palabra política) e deben ser garantía da continuidade.