Vilalba Aberta advirte da ameaza que supón CETA para a denominación de orixe protexida San Simón da Costa

Dende a formación asemblearia recordan ao Goberno Municipal que o tratado entre a UE e Canadá, ratificado este mércores no Parlamento Europeo cos votos de PP e PSOE, sacrificará o 90% das indicacións xeográficas a nivel europeo con denominación de orixe, entre elas a de San Simón da Costa.

/ Enviado por redactor o Xov, 16/02/2017 - 23:09

O pleno do Parlamento Europeo ven de aprobar este mércores a ratificación do controvertido acordo comercial negociado pola Unión Europea e Canadá (CETA). Un pacto comercial, apoiado con 408 votos a favor, 254 en contra e 33 abstencións e que contou co apoio maioritario do Partido Popular Europeo e dos socialistas españois, a fin da súa entrada en vigor provisional esta mesma primavera á espera de que os parlamentos nacionais dean luz verde á súa aplicación definitiva.

Un feito, que para a asemblea de Vilalba Aberta supón unha ameaza sen precedentes, en tanto que, ademais de atentar contra a autonomía local impedindo a devolución a mans públicas de servizos públicos anteriormente privatizados; sacrificará o 90% das indicacións xeográficas a nivel europeo con denominación de orixe, isto é; a denominación de orixe protexida de San Simón da Costa, entre outras. Un produto emblemático, por fundamental para Vilalba e a súa pequena e mediana economía, que poderá ser fabricado, copiado, e plaxiado en Canadá, sen que os nosos produtores e produtoras locais poidan expor nin unha soa queixa.

Neste sentido, dende a formación asemblearia advirten ao Goberno Municipal que as indicacións xeográficas (ou denominacións de orixe protexidas), ademais de garantir aos consumidores que o produto que están a comprar foi desenvolvido de acordo a uns criterios estritos nunha zona xeográfica limitada; permiten aos gandeiros/as vender o seu leite a un prezo xusto. En termo medio, apuntan, os produtores de leite reciben 500 euros por tonelada mentres que a empresa multinacional Lactalis ofrece 300 euros, asfixiando así aos nosos produtores/as que fornecen leite ás súas fábricas.

É por isto que urxirán dende o Pleno a redobrar esforzos, en tanto que o tratado aínda poida ser detido no Congreso, solicitando ao PP e PSOE locais que se “mollen” a fin dunha posición común da Corporación Municipal en defensa dos intereses de Vilalba.

Para Modesto Renda, o devandito consenso entre o conxunto das forzas políticas vilalbesas diante desta ameaza é unha obriga coma representantes electos/as pola veciñanza, pois do contrario - sentencia - algúns deberían explicar porque “namentres as patentes de Monsanto son sacras e os nosos agricultores non teñen dereito a sementar sementes sen pagar o diezmo; para os produtores locais, a propiedade intelectual xa non importa, dado que no ámbito da propiedade existen diferenzas e as marcas comerciais son intocables.”

A este respeito, recalca, “as patentes están protexidas polo Estado e os dereitos de autor aínda se defenden, aínda ás veces en voz baixa. Pero as denominacións de orixe protexidas, as cales son de facto propiedades intelectuais colectivas recoñecidas pola Organización Mundial do Comercio, poden ser libremente ignoradas.”