Vilalba, campioa galega por equipos en libre olímpica sénior

Unha vintena de deportistas lucenses lograban subirse ao podio nos campionatos galegos sénior e cadete.

Os vilalbeses lograban tamén no Campionato Galego a prata en grecorromana sénior por equipos e en libre olímpica cadete. O Rábade, terceiro en libre feminina cadete.

/ Enviado por redactor o Lun, 13/02/2017 - 14:38

Vilalba acada o ouro por equipos no Campionato Galego sénior de loitas olímpicas en libre olímpica grazas ás medallas de ouro de José Cuba, Adrián Imedio e os júnior Ramón Monasterio, Roberto Díaz e Carlos Yobanni García.

Pero, ademais da subir ao máis alto do podio no pavillón do CGTD de Pontevedra na categoría de libre olímpica tamén conseguían medallas cada un deles en grecorromana nas súas respectivas categorías -ouros para Cuba, Monasterio e Díaz Orosa, prata de Adrián Imedio e bronce de Carlos Yobanni García- cos que lograban a segunda posición por equipos na disciplina.

Tamén lograba o club vilalbés o segundo posto en cadete libre olímpica cos ouros de Yago López –que facía dobrete coa mesma presea en grecorromana-, e Samuel García, as pratas de Rubén Fraga e Ángel Rodríguez e os bronces de Martín Pena e Francisco Salvador Buceta.

En total os vilalbeses lograban once ouros, 3 pratas e 3 bronces na primeira cita da temporada.

A nivel individual destaca o dominio de José Cuba que opta agora a acadar o seu décimo terceiro título de campión de España o vindeiro 25 de marzo tamén en Pontevedra nos que os deportistas júnior Ramón Monasterio, Roberto Díaz e Carlos Yobanni –estes dous últimos de primeiro ano- tamén buscarán a medalla de ouro.

Yago López tentará revalidar o título de campión de España cadete tras facerse co ouro no galego. Samuel García, ouro en menos de 42 kg, non poderá participar no Campionato de España por non alcanzar a idade mínima; pero prepara, xunto aos compañeiros do club, o Campionato galego escolar con vistas ao estatal. 

Rábade

O Club de Loita Rábade lograba a terceira posición en libre feminina cadete cun ouro, catro pratas e un bronce. Gergana Dimitrova, tentará agora revalidar o título de campión de España cadete que sería o primeiro título estatal feminino para a loita lucense. Sonia Roa era segunda na mesma categoría. 

E, en sénior, Martín Vázquez lograba a prata en grecorromana 98kg; Jonatan Pernas, o bronce en libre olímpica menos de 70 kg; Cristian Pena, a cuarta posición en libre olímpica menos de 65 kg; Laura Pena; a prata en libre feminina menos de 48 kg e Laura Arias, tamén prata en libre feminina menos de 53 kg.

Completan o palmarés lucense Nicolás López, prata en libre olímpica en menos de 125 kg e en grecorromana en menos de 130 kg; e Clemente Alves, prata en grecorromana en menos de 66 kg.

A próxima cita importante será o Campionato de España Sub23 onde o equipo galego estará nutrido maioritariamente por vilalbeses: Ramón Monasterio en menos de 96 kg, Carlos Yobanni en menos de 60 kg e Roberto Díaz en menos de 55 kg.