Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAMar AMARIÑAXA

9 millóns de euros para a promoción exterior dos produtos do mar

Por 21 Outubro, 2021Sin comentarios

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou a 34ª edición da feira internacional de alimentación e bebidas de calidade Gourmets que acolle Madrid, un evento que se converte nunha nova oportunidade para promocionar os produtos do mar de Galicia. Neste sentido, a titular de Mar salientou a importancia de encontros coma este para impulsar a internacionalización do sector e destacou que, por iso, o proxecto de orzamentos da Consellería para 2022 prevé o investimento de máis de nove millóns de euros para este tipo de actuacións, 500.000 euros máis ca este ano.

A representante do Executivo galego subliñou que esta previsión de incremento nas contas do próximo ano busca blindar as actuacións que teñen que ver coa mellora da comercialización dos produtos do mar, coa internacionalización do sector e coa promoción exterior. Isto permitirá avanzar na posta en valor dos produtos do mar en eventos como o Salón Gourmets, que comezan a retomar a súa axenda tralas dificultades derivadas da alerta sanitaria polo coronavirus.

Rosa Quintana tamén puxo en valor neste evento a promoción dos peixes e mariscos galegos que está a realizar a Xunta a través da campaña GALICIA SABE AMAR, que este ano, con Gourmets, leva percorrido catro feiras de alimentación. Deste xeito, expuxo a titular de Mar, a comunidade galega recupera pouco a pouco a súa presenza nos encontros deste tipo, tralo parón derivado das restricións da pandemia da covid-19, e no 2022 prevé promocionar a calidade dos produtos do mar en arredor dunha ducia de feiras nacionais e internacionais.

A representante da Xunta subliñou que a presenza nas feiras é unha forma máis de recoñecer o papel crucial da cadea mar-industria e das mulleres e homes que saíron ao mar para subministrar alimentos de calidade á cidadanía durante os momentos máis complicados da pandemia. Ademais é un xeito de apoiar e poñer en valor a nivel internacional esta actividade de grande importancia na economía de Galicia. 

Esta posta en valor, especificou a conselleira, realízase baixo o paraugas da campaña GALICIA SABE AMAR, que incide na importancia de consumir os produtos do mar e na gran variedade de peixes e mariscos da máxima calidade que o complexo mar-industria de Galicia pon a disposición da cidadanía.  

A Consellería do Mar está presente nesta edición de Gourmets cun espazo de 378 m2 de superficie no que acolle a 24 entidades da cadea mar-industria, que son: Sepink Hispania, Porto-Muiños, Mariscos Daporta, Pasteurizados Cíes, Pescados Rubén, Conservas La Brújula, Frigoríficos Arcos, Conservas Portomar, Ramón Franco, Conservas del Noroeste, Consello Regulador do Mexillón de Galicia, Conservas y Refrigerados del Atlántico, Pescados Marinos 2016, Organización de Palangreros Guardeses, Froitomar, Alimentos Javimar, Conservera Gallega, Salgado Congelados, Conservas Artesanas Curricán, Recién Pescado, Mares de Galicia, Costas y Miñán, Alejandro Canedo Liñares e Luís Escuris Batalla. 

Este espazo da Consellería do Mar conta con elementos e estruturas que recrean motivos relacionados co mundo do mar e dos peiraos e dispón dunha aula de degustacións na que se amosan os beneficios dos produtos do mar de Galicia como os procedentes da pesca artesanal e amparados polo selo de calidade pescadeRías. Tamén se promocionan a Denominación de Orixe Protexida Mexillón de Galicia, as conservas de peixes e mariscos e os produtos do mar ecolóxicos e de organizacións de produtores, entre outros.