Skip to main content
Actualidade

Asocim critica a campaña institucional da Xunta polo 25 de novembro

Por 17 Novembro, 2017Sin comentarios

ASOCIM quere dar a coñecer a súa valoración sobre a actual campaña institucional da Xunta de Galicia co gallo do 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero.

Esta asociación manifesta a súa disconformidade coa campaña por sustentar un sistema que fomenta a desigualdade de xénero, por paternalista, pola falta de solucións e pola nula información sobre a violencia machista.

A campaña ‘O máis grande de Galicia non se maltrata’ presenta ás mulleres galegas como monumentos xigantes que deben ser protexidos. Neste punto queremos ser moi claras, as mulleres non queremos que se nos protexa, queremos igualdade, que se garantan os nosos dereitos e a liberdade de vivir sen medo. A estas alturas non esperábamos ter que aclarar estos conceptos e ideas pero é importante manifestarse abertamente cando as accións que deberían enfocarse en educar, informar e previr a violencia de xénero, non cumpren o seu cometido.

Desde ASOCIM consideramos que esta campaña é un erro pois non só é paternalista senón que cousifica ás mulleres reproducindo os estereotipos nos que se asentan as causas da violencia de xénero. A campaña non aborda a violencia de xénero, nin as causas desta violencia, non fala das medidas existentes no ámbito da prevención, non achega posibles solucións e mostra ás mulleres como algo que mirar e admirar, cousificándoas unha vez máis, tratándoas como obxectos e transmite unha actitude paternalista que non aporta solución o que é en si un problema.

Estamos ante unha oportunidade perdida cara a sensibilización e información da cidadanía sobre a violencia de xénero. ‘O máis grande de Galicia non se maltrata’ elude cuestións de gran importancia como a sensibilización, a formación, a educación e intervención coas vítimas.