Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

Caixa Rural Galega acada un beneficio neto de 5,7 millóns

Por 22 Marzo, 2021Sin comentarios

Caixa Rural Galega finalizou satisfactoriamente o exercicio 2020, cun beneficio lixeiramente superior ao do ano anterior, unha vez realizadas importantes dotacións para blindarse dos efectos que a pandemia poida ter durante o 2021, unha vez váianse retirando os diferentes estímulos establecidos.

Para alixeirar a carga que está a supoñer a covid-19 sobre os seus socios e clientes, a entidade estableceu unha serie de medidas que tratan de aliviar as cargas financeiras de particulares e empresas. A tal fin concedéronse moratorias a empresas e particulares por valor de 11 millóns de euros, co fin de compasar os calendarios de amortización á xeración dos recursos para a súa atención. Tamén se participou nas liñas Covid instauradas polo ICO concedendo financiamento por máis de 40 millóns de euros. Sobre estas liñas están a concederse ampliacións de prazo e/ou carencia segundo o establecido nos diferentes Reais Decretos publicados co obxectivo de preservar aquelas empresas que sendo viables afrontan dificultades de liquidez.

De igual xeito instrumentalizáronse mecanismos para adiantar o pago dos ERTES e prestacións de desemprego aos traballadores afectados para evitar que os atrasos do SEPE afectasen á percepción dos ingresos.

Dentro desta difícil conxuntura a entidade foi capaz de incrementar os depósitos e o investimento crediticio superando as dificultades que se presentaron e mantendo o emprego e as oficinas sen peches nin recortes.

En canto aos resultados, a entidade conseguiu mellorar lixeiramente o resultado do exercicio anterior baseándose nunha maior comercialización de préstamos (fundamentalmente hipotecarios para a adquisición de vivenda) e unha maior achega das comisións derivadas da venda de seguros. Os crecementos alcanzados nos depósitos (+19%) e no investimento crediticio (+24%) referendan o modelo de negocio da entidade baseado nunha proposta de produtos sinxelos, trato personalizado e moderación na cobranza de comisións.

Como medida compensatoria para evitar que estes crecementos empeoren os cocientes de apalancamento e solvencia, a entidade está a proceder nestes momentos a emitir novo capital social entre os clientes que o soliciten, garantindo un importe mínimo a cada solicitante para conseguir que un maior número de socios poidan participar.

A pesar da adversa conxuntura, marcada por un importante retroceso do PIB nacional, a entidade conseguiu reducir a cifra de morosidade situándoa no 3,5%, o que supón unha redución fronte á rexistrada ao peche do exercicio anterior de máis dun punto porcentual. De igual xeito, a cobertura da morosidade mellorou ata alcanzar un 70%.

A entidade, presidida por Manuel Varela, ten abertas na actualidade 47 oficinas, sen variación con respecto ao ano anterior e emprega a 155 traballadores.