Skip to main content
Sarria

Claudio Garrido, alcalde de Sarria, denuncia que a Xunta “retrasa a execución de tres obras importantes”

Por 5 Marzo, 2023Marzo 6th, 2023Sin comentarios

O alcalde de Sarria, Claudio Garrido, acusa á Xunta de Galicia de “retrasar e boicotear” a execución de tres “obras importantes” en diferentes puntos do rural, que suporán un investimento conxunto de 600.000 euros, por “estratexia electoral partidista contra o goberno local”.

Garrido refírese a tres proxectos que acumulan un retraso de cinco meses na resposta á solicitude de autorización por parte da Axencia Galega de Infraestruturas ou á petición de documentación adicional.

Estes proxectos son: a extensión da rede de abastecemento de auga aos núcleos de Treilán e Betote (246.533 euros de orzamento de licitación), a reposición de servizos básicos en Mazadoiro (221.930 euros) e a extensión da rede de abastecemento de auga aos núcleos de Reñoá, Santa María de Vilar e Vilapedre (131.826 euros).

No caso do abastecemento de agua a Treilán e Betote, o Concello de Sarria remitiu a solicitude de autorización á Xunta de Galicia o día 6 de setembro de 2022 e ata o 26 de xaneiro deste ano di que “non recibiu un requerimento da Axencia Galega de Infraestruturas pedindo a aportación de documentación adicional para continuar cos trámites”.

Ademais, en dito requerimento, a Axencia instaba ao Concello a pedir unha documentación previa á propia Axencia, que foi recibida recentemente nas dependencias municipais para poder continuar a tramitación.

É dicir, “catro meses para a primeira resposta, un mes máis para presentar documentación adicional e o tempo que quede, que non sabemos canto será, para recibir a autorización”, critica o alcalde.

Claudio Garrido denuncia que este “retraso inxustificado por parte da Axencia Galega de Infraestruturas repítese nas outras dúas citadas obras e é inadmisible porque o que pretende é evitar que o Concello de Sarria poida licitar e contratar ditas obras en período preelectoral, prexudicando notablemente á veciñanza”, explicou.

“É evidente que a tardanza de cinco meses para contestar a solicitude de autorización e pedir nova documentación é deliberada e busca entorpecer a acción do oberno local”, resaltou.

Contestación da Xunta

O delegado territorial da Xunta en Lugo contestou ao alcalde de Sarria que “os proxectos para tres obras de abastecementos de augas foron remitidos á Xunta de Galicia por parte do citado Concello con moitos erros, polo que desde a Axencia Galega de Infraestruturas tiveron que solicitar a corrección dos mesmos”.

Ademais, Javier Arias matiza que os técnicos pediron nova documentación necesaria para aprobar os proxectos, como o informe de viabilidade con carácter vinculante da Xunta de Galicia, como titular de parte do dominio público viario nestas actuacións.

O delegado territorial sinala ao respecto que “a solicitude deste informe de viabilidade, por parte do Concello á AXI, debe ser previo á presentación do proxecto. Se o Concello tivérao pedido en tempo e forma, xa entón se lle explicarían as liñas a seguir, polo que os proxectos xa estarían autorizados”, explicou. Lembra tamén que “segundo a Lei de Estradas estamos no prazo legal para contestar, xa que a lei marca seis meses para autorizar”.

Pese a isto, o máximo responsable da Xunta en Lugo cre que “por razóns electoralistas é máis doado botar a culpa á Xunta de Galicia para desculpar os seus erros ante a veciñanza de Sarria; uns erros que van desde non solicitar o citado informe previo de viabilidade a cuestións tan básicas como non definir exactamente o trazado das canalizacións destas obras e a reposición posterior da estrada”.