Skip to main content
Actualidade

Colaboración entre as asociacións de bandas de música popular e os gaiteiros galegos

Por 7 Novembro, 2017Sin comentarios

Xaneco Tubío e Armando Morales asinaban o convenio entre as asociacións.

O presidente da Federación Galega de Bandas de Música Populares, Armando Morales Blanco, e o presidente da Asociación de Gaiteir@s Galeg@s, Xoán Manuel Tubío Fernández, asinaron este martes un convenio de colaboración que ten por obxecto o fomento, difusión e realización de actividades relacionadas coa música, o canto e o baile tradicional, posibilitando as actuacións das dúas entidades en asesoramento e intercambios de coñecementos, destacando que se trata da primeira iniciativa conxunta deste calado a nivel galego, dende a fundación de ambas institucións.

A Federación Galega de Bandas de Música Populares (FGBMP) é unha unidade asociativa creada en 1985 para dar resposta ás necesidades comúns das bandas galegas.

En torno a ela concéntranse 92 bandas populares e máis de 7.000 músicos e músicas. A FGBMP actúa como centro para o desenvolvemento e administración de información, promoción educativa e divulgativa da labor das bandas, así como de organización de cursos, festivais, certames ou intercambios entre bandas de características similares, tanto galegas coma estranxeiras.

Pola súa banda a Asociación de Gaiteir@s Galeg@s (AGG) é unha entidade sen ánimo de lucro, con presenza nas catro provincias galegas a través dos seus preto de 800 asociados, que leva máis de 25 anos traballando ininterrompidamente en prol da cultura tradicional galega. Dende os seus comezos, un dos maiores obxectivos da AGG foi o de promocionar e divulgar a música tradicional galega, para o que ven levando a cabo, dende entón e de forma ininterrompida ata actualidade, actividades e traballos en prol da defensa, conservación e dinamización das nosas tradicións; sen deixar de medrar tanto na cantidade como na calidade das iniciativas culturais que desenvolve.

Tanto a Federación Galega de Bandas de Música Populares como a Asociación De Gaiteir@s Galeg@s teñen obxectivos comúns e complementarios nas súas áreas de traballo e aglutinan a miles de persoas relacionadas coa música.

Coa sinatura deste convenio suman esforzos para establecer camiños de actuación que favorezan e incrementen o beneficio mutuo, permitindo un aproveitamento dos recursos máis óptimo e unha cooperación activa no desenvolvemento de temas de interese común, que fará que se visualice a verdadeira dimensión do movemento asociativo musical.