Skip to main content
Ribadeo

Conferencias, gastronomía, arte e música estarán dentro das XVII Xornadas Mar por Medio de Ribadeo

Por 16 Novembro, 2023Novembro 17th, 2023Sin comentarios

A localidade de Ribadeo acollerá os días 1, 2 e 3 de  decembro a décimo oitava edición das Xornadas Mar por Medio  reunindo a un nutrido grupo de  especialistas e estudosos do fenómeno xacobeo para analizalo desde diversas ópticas. “O Camiño:  Cultura e tradición” é o título do programa de actividades preparado pola Academia Xacobea, que  por  segundo ano  consecutivo asume a  organización  das  Xornadas, coa  colaboración  da  Xunta  de  Galicia, a Universidade de Santiago de Compostela, o Concello de Ribadeo e a Deputación de Lugo.  O presidente da Academia, Xesús Palmou, o alcalde ribadense, Daniel Vega, e o secretario xeral de  Política Lingüística, Valentín García, deron a coñecer esta tarde os detalles do programa.

“Queremos converter Ribadeo nun espazo de congresos e por iso imos seguir apostando por estas  Xornadas. Xa loitamos por elas desde a oposición e seguimos apostando por elas desde o goberno  como  algo  clave na  vida  cultural  e económica  da nosa  vila.  Son  unhas xornadas  que marcaron  a  historia e  van marcar  o futuro  de  Ribadeo”, explicou  o rexedor tras agradecer a  colaboración  da  Xunta, a Academia Xacobea e a Universidade de Santiago de Compostela, e destacar o papel clave  que  xogaron  e  xogan  nas  Xornadas  Manuel  Valín  (presente  no acto desta  tarde,  ao  igual  que  a  concelleira Begoña Sanjurjo) e o profesor John Rutherford.

Xesús Palmou tamén tivo palabras de agradecemento para Rutherford e Valín, así como para Daniel  Vega. O presidente da Academia sinalou que o agora alcalde e o que fora concelleiro nos inicios das  Xornadas foron responsables en boa parte do éxito da edición do 2022, que permitiu recuperalas  despois dun largo parón. Palmou debullou o programa desta edición destacando a diversidade dos  temas a tratar e a talla dos relatores e augurando por elo un novo éxito.

Así o sinalou  tamén o secretario xeral de Política Lingüística, quen apuntou que  se  trata “dunhas  xornadas  únicas” e  lembrou  que  hai  un  año  xa manifestara  a  súa  vontade  de  seguir  axudando  a  consolidar as Xornadas. “Y así foi. Estas xornadas chegaron para quedarse e aquí están. E desde aquí  manifesto o compromiso da Xunta de que o ano próximo volveremos estar aquí”, explicou Valentín  García .

O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, será o encargado de ofrecer a primeira  conferencia  tras  o  acto  inaugural  das  Xornadas,  que  se  celebrará  ás  16.30  horas  do  venres  1  de  decembro  no  auditorio  Hernán  Naval.  Por  ese  recinto  e  ata  o  domingo  3  pasarán  tamén  outros  destacados relatores como os catedráticos Carlos Villanueva Abelairas  (emérito da USC), Gregoria  Cavero  Domínguez  (Universidade  de  León)  e  Javier  Gómez-Montero  (Universidade  de  Kiel)  para   abordar nas súas intervencións cuestións como a música no Camiño de Santiago, a alimentación dos  peregrinos e a literatura xacobea. Tamén haberá  tempo para examinar as paisaxes do Camiño co  director do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural da USC, Pablo Ramil Rego,  así como para conversar sobre distintos itinerarios xacobeos con Rubén Lois González, catedrático  de Análise Xeográfica Rexional da USC, e Isabelle Kerduro, profesora da Escola Oficial de Idiomas de  Santiago nacida en Bretaña. Ademais, os participantes poderán coñecer a artesanía que pervive nas  marxes do Camiño grazas á charla que ofrecerá Elena Fabeiro (xerente da Fundación Artesanía de  Galicia), gozar da música en vivo da Coral Polifónica de Ribadeo ou contemplar a exposición sobre o  Camiño  que  será inaugurada  o venres  1  por Ildefonso  de la  Campa,  director  de Administración e  Relacións coas Asociacións de Amigos do Camiño, e que se poderá visitar ata o domingo 3.

As Xornadas prestarán atención, así mesmo, ao patrimonio e a gastronomía de Ribadeo. O programa  inclúe  unha visita guiada  o Santuario  da  nosa Señora  das Virtudes,  que acollerá a  conferencia  da  ribadense Celia Castro Fernández (catedrática da Escola de Arte Superior de Deseño Ramón Falcón).  E  o  restaurante  Ramonita  será  escenario  dunha  dobre  proposta  divulgativa  e  gastronómica.  A  catedrática  de  Pediatría  da USC  e  presidenta  da  Federación  Española  de Nutrición,  Rosaura  Leis,  falará da dieta atlántica antes de dar paso ao chef Antonio Botana (membro do grupo Nove), que  realizará un demostración e degustación da cociña dos Camiños.

John Rutherford, profesor Emérito do Queen’s College da Universidade de Oxford, escritor, tradutor  e  un  dos  principais  responsables  das  Xornadas  nas  súas  orixes,  hai  xa  máis  de  30  anos,  será  o  encargado de pechar a edición deste ano coa conferencia final do domingo 3 previa ao acto oficial  de clausura.

programa  completo  destas  XVIII  Xornadas  Mar  por  Medio  está  dispoñible  aquí.