Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

Convocadas as axudas para agrupacións de defensa sanitaria gandeira

Por 7 Xullo, 2022Sin comentarios

A Consellería do Medio Rural vén de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución da orde de axudas ás agrupacións de defensa sanitaria gandeira (ADSG), que na provincia de Lugo suman 1.075.668 euros para distribuír entre 28 entidades.

Ademais, a Consellería xa tramitou o pago do anticipo da axuda que poden solicitar as agrupacións, segundo o establecido na orde da convocatoria, que no caso das entidades da provincia de Lugo ten un importe de 475.220 euros.

Este financiamento vai dirixido a mellorar o estado sanitario das explotacións gandeiras mediante a execución de programas zoosanitarios comúns destinados á prevención e control de determinadas enfermidades dos animais. Os programas desenvólvense entre o 1 de marzo de 2022 e o 28 de febreiro de 2023.

As achegas distribúense entre agrupacións de toda a provincia, 26 delas de gando bovino e dúas de porcino. A maiores, hai explotacións lucenses que forman parte de ADSG doutras provincias e tamén agrupacións con sede en Lugo que inclúen ganderías doutras áreas de Galicia. No conxunto da Comunidade repártense 2.150.000 euros entre 66 entidades.

A maior contía concedida en Lugo -o 97% dos fondos – vai destinada a subvencionar a contratación de servizos técnicos veterinarios para executar os programas sanitarios; e o resto a adquirir o material funxible utilizado no seu desenvolvemento.

Estímase que estas medidas melloran as condicións hixiénicas e de benestar animal nas explotacións, elevan o seu nivel produtivo e sanitario e contribúen a acadar un mellor status sanitario para a cabana gandeira galega.

Entre as enfermidades incluídas nos programas de vixilancia e control que desenvolven estas agrupacións atópanse a Rinotraqueite Infecciosa Bovina (IBR), a Diarrea Vírica Bovina (BVD) ou a Paratuberculose no gando bovino, ovino e cabrún. Tamén están incluídas a enfermidade de Aujeszky, no gando porcino, entre outras. Ademais, os servizos veterinarios das ADSG realizan actuacións de control de parasitos internos e externos en todas as especies.