Skip to main content
ActualidadeFozSecciones TerraCháXAViveiroZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Educación concede o selo Biblioteca Escolar Solidaria a un centro de Viveiro

Por 20 Xullo, 2020Xullo 27th, 2020Sin comentarios

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vén de conceder a 10 centros educativos o Selo Biblioteca Escolar Solidaria, mentres que outros 10 foron seleccionados en relación coa iniciativa Voluntariado de Lectura-A, tal e como publica Portal Educativo.

Ambas accións  están enmarcadas no programa Bibliotecas Escolares Solidarias, no que se inclúen diferentes iniciativas destinadas a promover o voluntariado cultural en relación coas bibliotecas e a lectura entre alumnado e familias, así como a recoñecer os esforzos das comunidades educativas por conformar bibliotecas inclusivas que axuden a paliar as desigualdades no acceso ao coñecemento. 

Selo Biblioteca Escolar Solidaria

O Selo Biblioteca Escolar Solidaria é un recoñecemento ao traballo das comunidades educativas a prol dunha biblioteca escolar atenta ás necesidades de todos os seus integrantes en materia de lectura e de acceso ao coñecemento e que propician especificamente valores de xustiza e de solidariedade; que procuran a compensación de desigualdades con fórmulas de aproveitamento dos recursos a través de medidas  específicas, de carácter estrutural e sistemático; e que contan con alumnado voluntario e, tamén, con familias colaboradoras da biblioteca, en labores de xestión e dinamización. 

Cada centro recibirá un diploma acreditativo ademais dunha asignación de 1.500 euros que deberá ser destinada a actividades da biblioteca escolar relacionadas coa difusión dos Obxectivos da Axenda 2030 da ONU para o Desenvolvemento Sustentable.

O único centro que acadou o selo é o EEI San Roque de Viveiro.

Voluntariado de lectura-A

No caso da acción Voluntariado de lectura-A, dirixida a alumnado de 5º e 6º cursos de primaria, o obxectivo é estimular o voluntariado cultural en relación coa lectura, favorecendo a formación de actitudes de colaboración e de solidariedade entre o alumnado, especialmente no ámbito cultural. Isto poderá artellarse a través de actividades de colaboración na biblioteca escolar ou a través de actividades de lectura compartida organizadas pola biblioteca, dentro ou fóra do centro, e nas que poderán participar, así mesmo, outros sectores da comunidade educativa. No curso 2019/2020 participaron un total de 106 centros. 

Cada centro recibirá unha asignación de 600 euros para o desenvolvemento dun obradoiro especializado que deberá versar sobre lectura expresiva, narración oral, escrita creativa, a radio como medio de comunicación, a elaboración de booktrailers, os xogos cooperativos e tradicionais ou a música e danza tradicionais. 

O único centro seleccionado pola súa experiencia en relación co programa foi o Ceip nº1 de Foz.