Técnicos da Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA) impartiron nas instalación de Dairylac (Melide) un obradoiro de divulgación de la economía social como opción de futuro profesional rendible e estable no que participou unha trintena de estudantes de segundo curso de Secundaria do instituto Poeta Díaz Castro, de Guitiriz.
Entre as vantaxes do modelo cooperativo destacáronse a toma democrática de decisións, o reparto equitativo de beneficios e a diminución dos riscos de emprendemento.
Ademais, persoal de Dairylac, un proxecto empresarial liderado por cooperativas e dedicado ao sector lácteo, explicoulles como se organiza a loxística na fábrica e algúns conceptos e estratexias de márketing. Finalmente, os estudantes probaron mostras dos diferentes tipos de queixo e leite que se procesan en Dairylac.
Esta actividade enmárcase no programa de actuación 2018 da Rede Eusumo. A Rede Eusumo é unha rede de colaboración impulsada pola Secretaría Xeral de Emprego da Xunta de Galicia para o fomento do cooperativismo e a economía social que conta co financiamento do Ministerio de Empleo y Seguridad Social.