Skip to main content
Lugo

Fegadace abre en Enfermaría a mostra sobre dano cerebral adquirido

Por 20 Setembro, 2023Sin comentarios

A exposición itinerante Punto e seguido. A vida despois do dano cerebral adquirido estende a súa presenza en Lugo. Tras comezar o mes na Facultade de Nutrición da cidade amurallada, a mostra coa que a Federación Galega de Dano Cerebral (Fegadace) e as súas asociacións achegan o día a día das persoas con esta discapacidade chega á Escola Universitaria de Enfermaría grazas á colaboración da Universidade de Santiago de Compostela.

A colección de fotografías, realizadas polo fotógrafo compostelán Aigi Boga, poderá visitarse desde o 18 até o 29 de setembro no centro educativo, situado no complexo docente do campus lucense, dentro do horario de apertura do mesmo.

Proxecto ‘Punto e seguido’

As fotografías que compoñen a mostra realizáronse nas cinco asociacións que forman parte da Federación Galega de Dano Cerebral. Nas imaxes, protagonizadas polas persoas usuarias de Adaceco, Adace Lugo, Alento, DCA Ourense e Sarela, amósase a súa vida cotiá, as actividades que realizan ou a súa convivencia, é dicir, a vida despois do “punto e seguido” tras un ictus, un traumatismo cranioencefálico ou calquera outra das causas do dano cerebral adquirido.

Ademais, para acompañar a exposición, Fegadace realizou unha serie de curtas audiovisuais que contan con diferentes testemuños de persoas con dano cerebral, familiares e profesionais das entidades. Son un total de sete vídeos, cunha peza principal e seis máis pequenas, que crean un retrato da complexidade de secuelas que compoñen o dano cerebral: físicas, sensoriais, económicas, cognitivas, sociais, orgánicas, etc.

A organización da exposición conta coa colaboración da Xerencia da Área Sanitaria de Santiago e co financiamento da Consellería de Política Social, dentro dos programas con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF; é dicir, grazas ás persoas que marcan a X Solidaria na súa declaración da renda.

FEGADACE

Constituíuse en 2007 polas cinco asociacións galegas de dano cerebral: Adaceco (A Coruña), Adace en Lugo, Alento (Vigo), DCA Ourense e Sarela (Santiago). Xuntas representan algo máis de 2.000 familias. O seu obxectivo é contar cunha plataforma común de interlocución, coordinación e divulgación das necesidades do colectivo de persoas con dano cerebral adquirido, unha discapacidade que afecta a máis de 35.000 persoas en Galicia e que está causada case sempre por un ictus (78% dos casos) ou por un traumatismo cranioencefálico provocado por un accidente de tráfico.