Skip to main content
Sober

Francos de Proendos nova aldea modelo de Galicia

Por 22 Xaneiro, 2022Xaneiro 23rd, 2022Sin comentarios

A aldea de Francos de Proendos, no concello de Sober acaba de ser declarada nova aldea modelo de Galicia. Con esta incorporación suman 17 aldeas con estas características na comunidade galega, no marco da Lei de recuperación da terra agraria.

Trátase de iniciativas que teñen como obxectivo o de recuperar as terras en estado de abandono ou infrautilización na contorna das aldeas, para así contribuír á súa posta en valor fixando poboación e mellorando a calidade de vida nesas zonas, ao tempo que se reforza a prevención dos lumes na proximidade das vivendas.

Concretamente, a aldea modelo de Francos de Proendos, en Sober, abranguerá unha superficie de 16,81 hectáreas deste núcleo de poboación, actuando en arredor de 119 parcelas de 70 propietarios.

A partir de agora, realizaranse traballos de limpeza e recuperación en todas as parcelas incluídas no perímetro desta aldea para poñela a producir mediante a actuación da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural en colaboración cos agricultores, gandeiros ou silvicultores interesados no seu aproveitamento. Deste xeito, o conxunto dos terreos recuperados funcionarán ademais como devasa natural fronte ao lume, xa que serán os cultivos os que actúen como método de protección, sen necesidade de rozar e limpar de forma periódica.

Todos os terreos recuperados serán incorporados ao Banco de Terras de Galicia, de maneira que as persoas titulares reciban unha compensación económica anual. Isto é, as aldeas modelo suporán a obtención dun rendemento económico directo ou indirecto tanto para as persoas propietarias dos terreos, que conservarán sempre a titularidade das parcelas ao tempo que reciben un pago por arrendamento, como para os interesados na súa posta en produción.

17 ALDEAS MODELO DECLARADAS
Ademais, da aldea lucense incluíronse á lista dúas máis. As tres aldeas modelo súmanse ás 14 que xa estaban declaradas, algunhas delas xa en marcha con actividade agrogandeira.

Trátase das lucenses de Trascastro (O Incio), Parada dos Montes (A Pobra do Brollón), Moreda (Folgoso do Courel) e Bustelo de Fisteus (Quiroga) e das ourensás de Osmo (Cenlle), Penedo (Boborás), Muimenta (Carballeda de Avia), Infesta (Monterrei), Reboredo (O Pereiro de Aguiar), Xacebáns (Quintela de Leirado), Meixide (A Veiga), Trelle (Toén), Trabazón (O Irixo) e Pedrosa (Riós).