Skip to main content
Destacadas Otros TERRACHÁXADestacadas TERRACHÁXA

Gando de carne: Os pros e contras de emprender no sector

Por 20 Abril, 2024Sin comentarios

Dúas gandarías de carne da comarca analizan o sostemento económico que precisa unha explotación.

O día a día nunha explotación gandeira varía moito dependendo da época do ano, neste que dende mediados de outubro no parou de chover e pesar de que as temperaturas foron boas “non tivemos catro ou cinco días seguidos bos polo que o manexo nunha explotación extensiva como pode ser a nosa é moi pasados por auga”, conta Adolfo Cabarcos membro da explotación REFOL SC, en Xermade, quen engade que “os terreos están moi mollados e unha concentración dos animais machuca moito o chan”.

Para os partos a época fría do ano tampouco é a mellor e “os pequeniños ante as inclemencias non o pasan ben”. Unido a isto Adolfo engade que “cando ven un inverno así longo coma este é necesario depender de suplementar o pasto, que xa se fai habitualmente en épocas de inverno, pero gástase máis do habitual e hai explotacións que tiveron que recorrer á compra porque esgotaron o que tiñan” pero conclúe que “cando vén a primavera e o bo tempo o traballo é moito máis levadeiro”.

Fina Cortes Prieto é gandeira en Belesar, na explotación que leva o mesmo nome, e compatibiliza o seu traballo coa crianza da súa pequena, polo que o seu día a día comeza “en torno ás seis e media da mañá para deixar os becerros botados e tamén o alimento das vacas, despois vou levar a nena ao colexio e volvo”. Para Fina neste traballo sempre hai “algo que facer, aquí non hai nunca un día libre”.

Os camiños que levan a cada persoa a emprender no negocio da gandaría son diferentes. Fina sempre estivo vinculada ao sector “eu crieime sempre con vacas, os meus pais xa tiñan” e despois de estar traballando nunha tenda por conta allea á súa nai deulle un infarto e “había que tomar a decisión de abandonar todo ou comezar eu, e decidín volver para casa e continuar co negocio. Disto xa hai uns seis anos”.

“É necesario que isto che guste moito para que queiras vivir desta profesión porque é un traballo de todos os días”

Adolfo pola súa banda deu comezo a súa andaina neste sector no ano 1988, con menos animais dos que ten na actualidade “porque tes que ir pouco a pouco, había unhas terras que fun transformando, aumentando gando e alugando terreo. Nós na actualidade manexamos unhas noventa hectáreas pero desas, aproximadamente cincuenta e cinco son alugadas”. Dende o 2006 conta cunha SC xunto ao seu fillo que “dende xaneiro deste ano está incorporado ao cen por cento, eu xa cumprín os 65 anos, xa estou practicamente xubilado”.

O pasado ano estivo fortemente marcado polas mobilizacións dos gandeiros que reclamaban prezos xustos para a súa carne. Na actualidade estes prezos volveron a baixar e para Adolfo “nesta época xa é característico de todos os anos unha caída nos prezos que baixaron con respecto ao mes de decembro e incluso xaneiro, ao mellor hai unha variación de corenta ou cincuenta céntimos”. Nesta mesma situación está Fina, quen engade que “este ano pasado, no 2023, houbo unha subida, aínda que non foi moito, pero agora xa levamos uns meses á baixa”.

Ao problema do prezo da carne hai que sumarlle os custos de produción aos que teñen que facer fronte dende o sector gandeiro. Unha explotación que se estea incorporando precisa facer unha forte inversión que é necesario amortizar e que para Adolfo teñen que ir ligados aos custos de produción. “Hai trece ou catorce anos os custos de produción estaban xa en torno aos seis euros e cincuenta céntimos e hoxe saen por riba dos oito euros, sempre falando dunha explotación que está incorporándose e amortizando as inversións e, da media, haberá quen os teña máis baixos e tamén máis altos.

Con respecto a estes custes de produción Fina conclúe que “hai moitísimos gastos, o abono está polas nubes e o gasóleo igual e sobe tamén a cotización. É complicado, precisas ter moitas cabezas para conseguir algo de rendibilidade pero para ter moitas cabezas é necesario ter unha gran cantidade de terreo, que non hai, porque onde non hai concentración parcelaria está todo moi repartido e é moi incómodo”.

A nova normativa PAC trae consigo novos requisitos que os gandeiros da maioría das granxas deben cumprir como o Caderno Dixital, a aplicación localizada de xurros, o plan de abonado ou a elaboración dun Plan Sanitario Integral. Esta multitude de requisitos de seguimento técnico afecta directamente ao traballo dos gandeiros. Quitando o traballo co gando para Adolfo unha das tarefas máis complicadas é “toda a burocracia que temos que realizar cada vez con máis acusación e o que nos trae de cabeza. Unha porcentaxe moi alto de traballo da explotación, un trinta por cento ou incluso máis, vaise en xestións burocráticas. En temas de documentación, solicitudes, recursos e cada vez esixen máis. Agora veñen de estrear a nova reforma da PAC coa aplicación do caderno dixital, que parece ser que vai ser voluntario, aínda que iso é relativo porque as explotacións que o usen parece que van ter uns incentivos.”

Nunha situación moi parecida con respecto a esta nova normativa PAC atópase Fina que afirma que “na actualidade cada vez hai moitas máis normas, moito papeleo para un montón de procesos e agora é todo por internet o que dificulta o traballo para a xente máis maior”. Estes requirimentos administrativos para os que son precisos internet necesitan dunha boa cobertura no rural xa que senón “os procesos burocráticos eternízanse” e complican aínda máis o proceso burocrático.
Para Adolfo esta é unha profesión con “momentos agridoces, hai bos, nos que as cousas van ben, non tes problemas de enfermidades nin de partos e outros momentos máis agres, cando tes baixas ben sexa por ataques de lobo ou xabarín, por enfermidades ou problemas no parto e tes que loitar contra todo iso”. No referente ás enfermidades engade que “están aparecendo enfermidades novas coma a Hemorráxica epizoótica que apareceu a finais do verán e que causou baixas en animais, agora estase vacinando para a lingua azul. Todo son inconvenientes para o día a día dunha explotación”.

“Unha das tarefas máis complicadas é toda a burocracia que temos que realizar cada día e que nos trae de cabeza”

“Este ano eu non tiven problemas” comenta Fina con respecto ás enfermidades do gando e para ela unha das maiores dificultades deste traballo é “o día a día, xa que non contas con un día libre e un traballo moi suxeito e se te queres ir de vacacións tes que buscar a unha persoa que veña facer o teu traballo, pero para uns poucos días é difícil atopar. Eu estou soa, teño unha nena e ós meus pais xa son maiores e a verdade é que hai días que é difícil. É necesario que isto che guste moito para que queiras vivir desta profesión porque é un traballo de todos os días” e a isto engade as perdas “si che morre un becerro esa vaca en dous anos xa non é produtiva, aí xoga moito a sorte tamén”.

A parte máis positiva deste traballo para Fina é que “dentro de que hai que traballar todos os días, contas con ratos libres e non hai un horario fixo para o que teñas que estar a unha hora concreta nun sitio, o que permite conciliar mellor nalgunhas ocasións” e engade que “para min o mellor é no inverno, xa que un día que chove ou fai moito aire e non podes votar o gando tes máis flexibilidade de horario”. Adolfo destaca como a mellor parte do seu traballo “a época de partos, cando ves que os animais están ben, que naceron ben e sen dificultades. É moi bonito”.