Skip to main content
Colaboracións TERRACHÁXA

Hixiene podal en ovino e caprino

Por 10 Outubro, 2017Xaneiro 30th, 2021Sin comentarios

Nestas datas achégase o outono, despois da época de maior seca caracterizada polo verán (máis en anos coma este) comezan as primeiras choivas e acostúmanse sacar os animais a pacer, e neste momento empezamos a ver coxeiras e problemas de mobilidade.

O problema que soe presentarse son as infeccións podais ou pedeiro.

O pedeiro é unha enfermidade infecto-contaxiosa que afecta o gando vacún, ovino e caprino, que ademais ocasiona perdas para a gandería, xa que ademais de provocar coxeira, provoca un descenso na produción do leite.

As pezuñas enfermas son as que diseminan a infección polo chan dos pastos e das camas dos animais.

Os animais que se infectan con Pedeiro, adoitan ser aqueles máis proclives por ter carencias (falla de vitamina A e Zinc). Outro dos factores son lesións que poidan ter os animais nas pezuñas, , comúns naqueles rabaños que pastan en zonas pedregosas. No caso da Terra Chá temos outro problema xa que moitos animais nunca pisan chan duro, o que da a lugar a sobrecrecementos dos mesmos que acaban por enroscarse e acabar cheos de terra e pedras. Por último, as choivas e a humidade rebrandece as pezuñas e fainas máis sensibles ao ataque dos xermes.

Tratar as zonas infectadas é complexo, dada a forma de difusión da enfermidade e tamén porque esta presente ata 3 anos en pezuñas enfermas.

É moi importante actuar dende a prevención desta enfermidade, e a clave está en manter as camas secas, observar as pezuñas dos animais e axudarlles co fortalecemento das pezuñas.

A finais de inverno débese facer unha identificación dos animais con pedeiro e realizar un arreglo dos pes de todos os animais (enfermos e sans). A continuación trataremos os pes dos animais enfermos , e realizaremos controis de podoloxía varias veces no verán. Antes de que chegue o outono é bo realizar un arranxo xeneralizado e correcto (nada de cortar a punta da pezuña) xa que un bo coidado podolóxico tamén evita e corrixe problemas de aplomos.

Para aumentar o éxito agora temos o noso dispor vacinas para axudar a aumentar a inmunidade fronte as bacterias que causan esta infección. Así como bloques vitamínico-minerais para corrixir as carencias.

Así e todo a profilaxe e a hixiene dos pezuños é fundamental, así debéramos evitar chans moi mollados xa que rebrandecen os cascos e hai máis presenza bacteriana .

Os pediluvios (pasos nos que os animais deben meter os pes para pasar dunha zona a outra) son fundamentais, nestes dispositivos pódense empregar desinfectantes que axudan a combater as infeccións.

Por último, temos o enfoque de razas , non todas as razas soportan a humidade do mesmo xeito. As razas da meseta: churras, merinas e similar no caso do ovino e sobre murciano, estremeña no cabrún non teñen a mesma capacidade de soportar os “pes mollados” que as razas autóctonas galegas (cun enfoque máis rústico) ou a das illas británicas (se queremos un enfoque máis “ industrial”).

Breixo González