Skip to main content
Outeiro de Rei LUGOXAOuteiro de Rei TERRACHÁXA

José Pardo Lombao, reelixido presidente do PP de Outeiro de Rei

Por 9 Outubro, 2022Sin comentarios

José Pardo Lombao volve acadar o apoio da militancia do PP de Outeiro de Rei e, polo tanto, revalida o cargo de presidente da agrupación local trala celebración do congreso que tivo lugar este venres na localidade coa participación da presidenta provincial do Partido Popular, Elena Candia; o secretario xeral, Javier Vázquez Nodal; e o coordinador xeral, José Manuel Balseiro.

O reelixido presidente do PP local quixo agradecer a confianza tanto dos afiliados coma dos veciños que o apoian en cada cita coas urnas. “O apoio da xente, a implicación do equipo e alcanzar os obxectivos de mellorar Outeiro de Rei fan que teña a mesma ilusión que cando comecei en política para defender os intereses xerais”.

O alcalde encabeza a única candidatura que se presentou ao conclave e que reúne a un total de 27 persoas que constitúen “unha ampla representación da sociedade do noso municipio: xente de tódalas idades e dos distintos sectores representativos do concello de Outeiro de Rei”.

Ademais do presidente, o comité conta con Begoña Seco como secretaria; oito vicesecretarios -catro homes e catro mulleres- e 17 vogais. María José Martínez é a responsable da vicesecretaria de servizos sociais e igualdade; Luis Alfonso Trigo, de novas tecnoloxías; Pilar Méndez, de deportes; Luis Varela, de desenvolvemento forestal; Tania Díaz Seijas, de educación e conciliación familiar; Paulino Corral de agricultura e gandería; Verónica Fernández de emprego e Jesús Fernández, de medio ambiente. José Yebra, José Daniel Román, José Veiga, Luisa Seijas, Antonio López, Manuel Fraga, Alfonso Vilanova, Diego González, Jesús Ferro, Pedro Díaz, Ana Barreiro, Beatriz Blanco, Fermín López, José Luis López, Ana María Vilariño, Germán Arias e Rubén Díaz foron nomeados como vogais.

Pardo Lombao explica que “somos un grupo amplo porque suma a aquelas persoas colaboradoras que creo que deben ver recoñecido o seu esforzo por mellorar o noso concello”. Así, incorpórase xente nova ao comité local do PP que pretende “amosar a utilidade do servizo público e sumar mozos e mozas para construír un proxecto de futuro con persoas interesadas en velar polos intereses de todos e todas”.

En relación aos obxectivos que se marca a formación local, o popular sinala que “queremos seguir traballando para atraer xente, asentar empresas que permitan crear emprego e ofrecendo servizos para que os veciños dispoñan dunha calidade de vida aceptable con impostos soportables”.

Pardo Lombao asegura que, ademais de traballar de cara ás vindeiras eleccións municipais para revalidar a maioría absoluta e acadar o goberno da Deputación, tamén traballaremos co obxectivo de darlle o empurrón definitivo ao Partido Popular para, nas vindeiras eleccións xerais, cambiar o rumbo do país”.

Un Concello en crecemento

A dirección provincial destacou o intenso traballo do PP de Outeiro de Rei á fronte dun Concello en crecemento que constitúe “un modelo a seguir por moitos outros da nosa provincia”. A presidenta, Elena Candia, destacou tamén “o gran apoio que recibe o noso proxecto” en Outeiro de Rei nas distintas citas coas urnas. Por poñer algúns exemplos, nas últimas autonómicas o Partido Popular superaba o 63% dos votos e nas últimas municipais a candidatura lidera por Pardo Lombao conseguía máis do 77% do apoio dos votantes.