Skip to main content
Vilalba

Moncho Paz presenta esta tarde en Vilalba a obra ‘Pílulas de vendimario’

Por 5 Maio, 2023Outubro 13th, 2023Sin comentarios

Na tarde de hoxe, ás 20 horas, terá lugar na Casa da Cultura de Vilalba a presentación do libro ‘Pílulas de vendimario’ (Lugo, Colección Biblioteca Chairega, 2023), do xornalista Moncho Paz, colaborador habitual de TerraCháXA. Trátase dunha escolma de artigos -un total de 56- publicados na edición dixital de A Voz de Vilalba entre 2008 e 2022, e vai dedicada ao escritor vilalbés Ramón Chao Rego (1935-2018).

A xeito de limiar, o volume conta cun “Abecedario”, a cargo das poetas Pilar Maseda e Iría Fernández Crespo. E para rematar a edición, un orixinal epílogo do tamén poeta Miguel Barrera, que decidiu enfocalo como “Obituario” nunha sorte de xogo de palabras, “tendo en conta que as devanditas crónicas forman parte dun período concreto de tres lustros, e reflicten o acontecer político, social e vital dese tempo”, segundo indica o autor de ‘Pílulas de vendimario’. Na actualidade, Moncho Paz ten varios proxectos culturais en marcha, entre os que destaca o documental ‘O camiño de Prisciliano’, de Arraianos Producións e dirixido por Aser Álvarez, cuxa preestrea está programada para o vindeiro 23 de maio no Instituto Cervantes de París.

No mesmo evento de hoxe en Vilalba, o Instituto de Estudos Chairegos presentará outras tres obras da mesma colección: ‘Baixo a Pradia’ de Paulo Naseiro, ‘Como rematar cos libros dunha vez por todas’ de Mario Paz González, e ‘Outras voces’ de varios autores. Todos os volumes están concebidos como recopilacións de textos publicados na páxina avozdevilalba.gal ao longo da segunda etapa deste medio (2008-2023), cando se cumpren corenta anos do nacemento do xornal A Voz de Vilalba, fundado na capital da Terra Chá en 1983.

O acto contará coa intervención do xornalista Baruk Domínguez, que estará acompañado por Marisa Barreiro Mejuto, presidenta do Instituto de Estudos Chairegos Pena do Encanto. Ao tratarse dunha presentación conxunta, non está prevista a participación dos autores, que máis adiante organizarán individualmente as correspondentes sinaturas de exemplares.