O Concello de Muras vén de sacar a licitación a xestión do bar coñecido como O Chiringuito, local de propiedade municipal, que se arrenderá por un período de dez anos.
O contrato adxudicarase por procedemento aberto, no que toda persoa interesada poderá presentar unha proposición. Para a valoración das proposicións e a determinación da oferta economicamente máis vantaxosa atenderase a dous criterios de adxudicación: un dependente dun xuízo de valor e outro dependente dun criterio automático.
Establécese como tipo mínimo de licitación que poderá ser mellorado á alza polos licitadores 2.712 euros ano, IVE excluído. O prezo do contrato será o que resulte da adxudicación. Manterase invariable durante a anualidade 2019, actualizándose a partir do 2020.
O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o día 7 de marzo.