Skip to main content
ActualidadeAMARIÑAXABurela

Presentación da nova Guía de setas de Burela e A Mariña

Por 3 Xuño, 2019Xaneiro 27th, 2021Sin comentarios

O deputado de Turismo en funcións, Eduardo Vidal Baamonde, participou na presentación da segunda edición da Guía de setas de Burela e A Mariña que tivo lugar no salón de actos da Deputación. Fíxoo xunto ao presidente da Sociedade Micolóxica Lucus, Julián Alonso Díaz, a autora do libro, Cristina García-Echave Puente e a micóloga, Marisa Castro Cerceda.
A autora desta publicación, a bióloga e membro da Sociedade Micolóxica Lucus, Mª Cristina García-Echave Puente, plasma nesta guía a gran variedade micolóxica da Mariña lucense. Neste rigoroso manual, a autora recolle ata 164 especies de cogomelos, comestibles e tóxicos, clasificados coas súas características morfolóxicas. O 90 % dos cogomelos desta guía pódense atopar en toda a provincia.
Vidal Baamonde subliñou que “esta nova guía de cogomelos da Sociedade Micolóxica Lucus pon en valor a biodiversidade da nosa provincia e a súa riqueza micolóxica. Trátase dun manual moi útil para aqueles afeccionados ao mundo dos cogomelos xa que recolle máis de 150 especies diferentes, comestibles e tóxicas, que se poden atopar, non só na Mariña Lucense, senón tamén en practicamente toda a provincia.”
Os asistentes ao acto de presentación recibiron como agasallo un exemplar desta publicación. Os 500 exemplares editados nesta primeira tirada serán distribuídos entre outras entidades micolóxicas e naturalistas, bibliotecas e entidades públicas.
A Sociedade Micolóxica Lucus dedícase ao estudio, promoción e divulgación da micoloxía e a defensa da natureza e do medio natural desenvolvendo cada ano un extenso e variado programa de actividades na provincia.