Skip to main content
ActualidadeAMARIÑAXABurelaMar AMARIÑAXA

Produtores de Burela reparten este Nadal merluza do pincho nas residencias da Mariña

Por 23 Decembro, 2020Xaneiro 27th, 2021Sin comentarios

Produtores de Burela reparten este Nadal merluza do pincho nas residencias da MariñaA Xunta de Galicia apoia a campaña impulsada pola Organización de Produtores Pesqueiros (OPP) de Lugo e Armadores de Burela (ABSA) para promocionar a pescada do pincho de Burela en residencias de maiores da Mariña, pola que cederán unhas 629 racións a doce centros.

O delegado territorial da Administración autonómica, Javier Arias, presentou xunto con representantes de ambas entidades esta campaña, que se desenvolverá na cea de Noiteboa e a comida de Nadal.

Os promotores repartirán a pescada nun centro de titularidade da Xunta -o de maiores de Burela- e noutras once residencias, apartamentos tutelados e vivendas comunitarias de Viveiro, Xove, O Valadouro, Mondoñedo, Ribadeo, A Pontenova, Cervo e Foz. A pescada entregarase segundo a demandaron desde cada centro, en pezas enteiras ou en toros, lombos ou en filetes.

O delegado territorial salientou a colaboración constante que a Administración autonómica impulsa en beneficio do sector pesqueiro galego e en particular do lucense. Nesa liña, puxo en valor o importante labor promocional que desenvolve a organización de produtores “co obxectivo de ampliar o mercado para produtos da lonxa burelá como a pescada do pincho, de extraordinaria calidade”, concluíu. 

No marco desta campaña que veñen desenvolvendo no Nadal a OPP de Lugo e ABSA, que este ano leva por título Mar de Solidariedade, distribuirán en total máis de mil racións de pescada do pincho de Burela, xa que tamén ceden produto para familias do concello en situación de vulnerabilidade.