Skip to main content

Por Raúl Río.

Castellanos de Castilla,
tratade ben aos gallegos;
cando van, van como rosas;
cando vén, vén como negros
Rosalía de Castro

Deste xeito se queixaba a nosa Rosalía durante a súa estancia en Simancas en 1868, onde o seu marido, Manuel Murguía, era arquiveiro no famoso arquivo desa cidade, reflexando a penosa impresión que lle causou o maltrato e as penosas condicións en que vivían os nosos campesiños que ían segar ás terras de Castela.

Xa naqueles anos, e até os tres térceos do século pasado, había unha superpoboación nas nosas aldeas, polo que ir as segas era un alivio para aquelas economías tan febles nas que faltaban moitas cousas necesarias, pois había que mercar roupa, aceite, azucre e outras cousas de primeira necesidade que non se producían na casa e tampouco había de onde sacar cartos, xa que con dúas ou tres vacas poucos cuxos se podían vender.

Os diferentes Gobernos do Estado nunca miraron pola nosa economía nin polo noso benestar. Xa moito antes, durante a República, no Franquismo, e aínda hoxe!, se dedican a empobrecer Galiza, esquilmando as nosas riquezas e os nosos recursos sen deixarnos nada a cambio, coma si a nosa terra fose deles e nosoutros os seus escravos.

Nos Vilares os trapeiros traían algúns cartos para a casa, pero outros tiñan que ir gañalos a Castela, no duro traballo da sega das aveas, do trigo, e dos garavanzos, baixo o sol abrasador daquelas terras ermas nas que Rosalía só puido aguantar apenas vinte meses.

Por sorte, eu nunca fun segar a Castela, e para describir os seus traballos, alegrías e tristezas, falei con dúas grandes enciclopedias viventes desta parroquia, como son Xosé López Roca (Pepe de Visita) que foi primeiro de segador e logo “maioral principal”, desde 1955 ata 1965, último ano que os vilaregos foron ás segas, e con Xosé Luís Teijido Comba (Luís de Fabete), que convirte en arte todo o que toca e con quen falaremos algún día mais detidamente, que foi atador nos anos 1963 e 1964, cando só tiña catorce e quince anos.

Todos os anos, despois de que Pepe de Visita, maioral principal, quedara por carta cos amos, sacaba a “lista de embarque” en Lugo para que Renfe lles fixera un desconto por ser mais de doce viaxeiros, xa que el levaba mais de corenta homes da contorna de Guitiriz, Aranga e Xestoso. Logo, cada un co seu saco, onde levaban a manta, a roupa e a comida para a viaxe, collían o tren en Guitiriz todos xuntos e dirixíanse a Santa María Real de Nieva, á casa de Dionisio Palomo, casado con unha prima da muller de Franco, Carmen Polo. Alí repartía os homes polas outras vilas de Segovia, na comarca que chegaba á Serra de Guadarrama: Ortigosa de Pestaño, Carboneros, Valseca e Villoslada, pois nunha casa querían seis e noutra nove ou mais homes, así que tiña que andar toda esa comarca en bicicleta para saber cantos querían en cada casa, ademais de facer os contratos cos amos das fincas e mirar cando acababan nunha casa, buscando outra para cando remataran e non ter que estar parados. Unha vez distribuídos en cuadrillas polo maioral principal, cada unha tiña o seu maioral e ía a casa que lles asignara o principal.

Empezaban en Ortigosa, onde maduraba antes a colleita; segaban 8 ou 15 días en cada casa e despois ían saltando dun sitio para outro, votando entre 55 ou 60 días e volvían polas festas do San Vitorio de Cambas e do San Nicolás do Buriz, que eran as primeiras festas que se facían a súa chegada de Castela.

Traballaban de sol a sol e, conta Pepe, “no mes de Xullo case era día as cinco da mañá e algunha vez chegabamos á terra e tíñamos que agardar un pouco porque non víamos para segar e segábamos todo o día ata as 11 da noite. Ao mediodía viña un home traernos a comida, poñía as cazolas nunha manta, tiraba as culleres e tiñámolas que coller ao momento, porque se as deixabas un pouco quentábaas o sol e queimaban nas mans”. Comían ao sol porque alí non había arbores nin sombra que de alento, como dicía Rosalía.

Un dos problemas mais importantes que tiñan era a hixiene, porque nin auga tiñan para lavarse e so podían facelo cando había unha lagoa cerca, das que tiñan nalgúns pobos para coller auga non potable.
A auga dos pozos e das fontes era unha auga cardeña, moi mala, e naquela zona por onde andaban so había fontes boas en Villoslaba e Valseca.

Agora ten que perdoarme o lector, pois dinme da redacción do periódico que vaia rematando o artigo porque non queda mais espazo, pero no seguinte número seguiremos falando dos problemas que tiñan coa auga e doutras cousas que abundaban en Galiza e das que carecían naquelas terras que presumían ser mais adiantadas e o único que tiñan era uns traballadores mal pagados.