Skip to main content
Lugo

Verbena, pasacalles e animación infantil nas festas de San Xosé das Gándaras

Por 15 Febreiro, 2024Sin comentarios

O barrio das Gándaras celebra do 15 ao 19 de marzo as súas festas na honra de San Xosé, nas que colabora un ano máis a Xunta de Galicia. A secretaria territorial de Lugo, Marta Barreiro, participou este mércores na presentación das actividades xunto con representantes da organización.

O programa inclúe verbenas a cargo de diferentes orquestras entre as que figuran París de Noia, que actuará o venres 15 pola noite, Marbella, New York, Escaparate e Acordes. As celebracións darán comezo o venres 15 de marzo ás 21.30 horas co certame de tunas e a presentación a cargo de Javier Prado Vázquez, tuno de Veterinaria de Lugo e presidente da Casa Galicia de Madrid. A verbena comezará ás 22.00 horas da man do DJ Miron e coa orquestra París de Noia.

A programación do sábado 16 será a partir das 11.00 horas con pasacalles coas tunas que participarán no certame. Ás 12.45 horas as tunas actuarán na residencia de maiores e a sesión vermú será ás 14.15 coa charanga Os Tamega. A partir das 20.30 horas, as tunas actuarán no campo da festa e a verbena da man de Marbella e New York comezará ás 22.00 horas.

O domingo 17 as celebracións darán comezo ás 11.00 cun pasacalles para continuar ás 13.30 coa misa solemne. A sesión vermú coa orquestra Acordes dará comezo ás 14.30. Xa pola tarde, ás 17.30 haberá unha festa infantil e a verbena, que será ás 21.00 horas coa orquestra Acordes, poñerá punto e final á xornada. A xornada do día 18 estará dirixida aos máis cativos que poderán gozar dos carruseis a partir das 17.00 horas.

O martes 19 a celebración comeza ás 13.00 horas coa misa na honra a San Xosé e sesión vermú da man de Escaparate a partir das 14.00 horas. Pola tarde, organizaranse xogos populares e unha churrascada veciñal a partir das 20.30. A orquestra Escaparate será a encargada de amenizar a última noite das festas.