Skip to main content
ActualidadeSociedadeVilalba

A terceira Carreira-Andaina Nocturna San Ramón 2017 agarda superar os 700 participantes

Por 10 Agosto, 2017Sin comentarios

Arredor de 700 persoas daranse cita o sábado 19 de agosto na terceira edición da Carreira Andaina Nocturna San Ramón 2017 que organiza o Club de Atletismo Vilalba coa colaboración da Deputación Provincial e a Comisión de Festas de San Ramón e Santa María 2017.

Repetindo de novo a programación das dúas primeiras edicións, haberá carreiras infantís, absoluta e andaina con animación musical e churrascada gratuíta para os e as participantes.

Criado, Teijeiro, Cabarcos e López durante a presentación da III Carreira Andaina Nocturna San Ramón 2017.

Criado, Teijeiro, Cabarcos e López durante a presentación da III Carreira Andaina Nocturna San Ramón 2017.

O presidente do club, Manuel Cabarcos, que estivo acompañado durante a presentación do evento pola alcaldesa en funcións, Patricia Teijeiro, e outros represententas do club coma Eliseo López e Antonio Criado, explicaba que “como as dúas primeiras edicións saíron ben non cambiamos nada”; excepto o horario. “Para aproveitar a luz do día adiantamos media hora o inicio das actividades”. Así, as probas infantís comezarán ás oito e media do serán para deixar paso á carreira absoluta e á andaina a partir das dez.

A organización establece uns percorridos de 200 metros para a categoría +5, 500 para a +7, 1.000 para a +10 e 1.500 metros para os e as participantes de + 13. “Os catro percorridos contarán con lebres do propio club que dirixirán dende o principio ata o final a proba sen deixar a ninguén rezagado”. Cabarcos convida aos pais e nais a inscribir aos rapaces e rapazas co obxectivo de fomentar o deporte entre os máis pequenos e pequenas.

Ás dez da noite dará saída tanto a carreira absoluta coma a andaina con idéntico percorrido no seu inicio, pero que se desviarán despois ata completar os 5 quilómetros no caso da carreira e os 2,5 no caso da andaina.

Neste caso, apuntan dende o club que se trata da “única proposta deportiva que se celebra en Vilalba na que pode participar todo o público: andando, como empezamos todos a correr”.

Dende o club recordan tamén que se trata dun “percorrido humano que pasa lugares destacados da vila que se darán a coñecer entre os e as participantes”: rúa Nova, praza San Juan, Santa María, Porta de Cima, etc.

Ademais deste destacable percorrido a III Carreira Andaina Nocturna San Ramón colaborará coa asociación Os Peludiños co obxectivo de “visibilizar e apoiar o seu labor”. Será coa participación de 14 cans en adopción que pecharán a andaina paseando pola vila. De igual xeito, aproveita para “animan aos participantes a levar os seus cans sempre que respeten as pertinentes medidas de seguridade”.

Outra das novidades na carreira absoluta será a creación dunha categoría de vilalbeses e vilalbesas que se engade á categoría absoluta masculina e feminina. Así, haberá trofeos tamén para as novas categorías non sendo excluíntes que se engaden aos trofeos para os gañadores e gañadoras das catro categorías infantís deseñados polos usuarios e usuarias do Centro Ocupacional de Vilalba. Cremos que “isto é un plus con respecto ás anteriores edicións”.

Ao remate, haberá churrasco para tódolos participantes inscritos. De feito, o prazo remata o mércores 16 de agosto. As inscricións pódense formalizar na oficina de deportes en horario de mañá, na tenda Móve-T ou no portal web www.championchipnorte.com.