Skip to main content
ActualidadeMeiraRiotortoSociedade

De Meira a Órrea polo Roteiro Avelino Díaz o domingo 3 de setembro

Por 21 Agosto, 2017Sin comentarios

A Asociación Cultural Avelino Díaz organiza a cuarta edición da ruta polo Roteiro Avelino Díaz o domingo 3 de setembro dende Meira ata A Órrea (Riotorto) que rematará cun xantar campestre no Campo da Festa da Órrea.

O roteiro pode percorrerse por libre dende que o colectivo o recoñecera a pe para comprobar o seu estado. Con todo, fai unha convocatoria pública anual que este ano se desenvolverá, por primeira vez, ao revés do seu sentido natural; xa que “é máis doado de percorrer de Meira á Órrea”.

O Roteiro Avelino Díaz é o camiño que o poeta, xornalista, dramaturgo e activista cultural, igual ca do resto de mirandeses e mirandesas, seguía para acudir á feira a Meira, cada segundo domingo, dende a súa parroquia natal da Órrea (Riotorto) pasando pola que foi a súa casa no lugar da Pena, xa en Meira.

A asociación elaborou un díptico explicativo do citado roteiro, que se atopa a disposición dos interesados e interesdas na oficina de Turismo de Meira, así como na Biblioteca municipal e en locais de hostelería de Meira e da Órrea. Nunha segunda fase está pensado instalar, nos lugares máis emblemáticos do camiño, paneis con fragmentos de poemas de Avelino.

Dende a asociación agardan que “o Concello de Meira poida situar nunha cabeceira un panel descritivo do roteiro completo e que o Concello de Riotorto poida facer o mesmo na outra cabeceira, preto da casa onde naceu Avelino”.