Skip to main content
ActualidadeVilalba

Un total de 855 nenos e nenas de 0 a 3 anos inician o curso nas escolas infantís da Xunta na provincia

Por 5 Setembro, 2017Sin comentarios

A Consellería de Política Social inicia un novo curso nas escolas infantís da rede autonómica A Galiña Azul que contarán con 855 nenos e nenas admitidos na provincia de Lugo.

O delegado territorial durante unha visita á escola infantil A Galiña Azul de Foz.

O delegado territorial durante unha visita á escola infantil A Galiña Azul de Foz.

Así o explicou este martes o delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, quen participou na apertura do curso na escola infantil de Foz, emprazada na avenida de Cervantes, un dos centros máis grandes da provincia.

Durante estes primeiros días, as escolas infantís programaron un período de adaptación e irán acollendo progresivamente aos nenos e nenas que inician deste xeito a súa incorporación ao mundo escolar, comezando cunhas xornadas compartidas cos pais ou nais e incrementando pouco a pouco o número de horas de asistencia ao centro.

Así mesmo, cómpre salientar que na provincia resérvanse 51 prazas para emerxencias e que o número de vacantes ascende a 84. No que atinxe á lista de agarda, o inicio do curso rexistra 148 solicitudes pendentes que, como alternativa, poden acollerse ao programa do bono concilia e recibir unha axuda, que oscila entre os 45 e os 250 euros mensuais en función da renda da unidade familiar, e que están destinados a contribuír ao pago da praza na escola infantil que elixan e que non conte con financiamento por parte da administración.

En total, son 18 as escolas infantís lucenses pertencentes a rede A Galiña Azul. Os centros atópanse nos concellos de Lugo (2) e Foz (2), A Fonsagrada, Alfoz, Antas de Ulla, Burela, Chantada, Meira, Mondoñedo, O Valadouro, Pantón, Quiroga, Taboada, Vilalba, Ribadeo e Viveiro, ás que hai que engadir as oito Casas Niño lucenses, os puntos de atención á primeira infancia dos concellos e as que xestionan entidades de iniciativa social. Ademais na provincia de Lugo está próxima apertura do centro da ‘Galiña Azul’ en Burela-Os Castros, a segunda escola nesta localidade, que abrirá as súas portas nas vindeiras semanas.

No conxunto de Galicia as 22.439 prazas que conforman a rede de escolas infantís con investimento público supoñen unha taxa de cobertura do 38%, cinco puntos por riba da media aconsellada pola Unión Europea.

Principais novidades
Ao respecto das novidades deste curso escolar, salientar que nos períodos de vacacións de Nadal e Semana Santa está contemplada a apertura dunha escola infantil por localidade independentemente da demanda que exista. Ademais desta medida, que afecta aos equipamentos que xestiona a Axencia Galega de Servizos Sociais, por primeira vez e neste caso tanto nas escolas xestionadas pola Axencia como nas dependentes do Consorcio, ábrese a posibilidade de solicitar un traslado de centro dentro dun mesmo concello por motivos de cambio de domicilio ou lugar de traballo e fóra dos prazos ordinarios.