Skip to main content
AbadínActualidadeBegonte

O programa Galicia Rural Emprende apoia con 99.000 euros dous proxectos empresariais chairegos

Por 6 Setembro, 2017Sin comentarios

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) apoiará con 658.000 euros once novos proxectos empresarias na provincia de Lugo. Farao a través do programa Galicia Rural Emprende, unha iniciativa impulsada polo Goberno galego e da que se benefician autónomos, microempresas e pequenas empresas no ámbito rural.

Así o explicou este mércores o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, quen destacou a importancia e utilidade deste tipo de apoios para fomentar o emprendemento no medio rural e a diversificación produtiva neste ámbito, xa que logo está dirixido exclusivamente a actividades non agrícolas.

Permitirán mobilizar 1,5 millóns de euros
Entre os beneficiarios do programa atopamos empresas e autónomos nos sectores da construción e mobiliario con materiais naturais e ecolóxicos, albergues, servizos turísticos e forestais, un obradoiro artesanal de cervexa e plataforma dixitais e fabricación de bonecas. Algúns deles sitúanse nos municipios chairegos coma un proxecto de enxeñería especializada en homologación de vehículos en Abadín que recibirá 56.500 euros ou un para o deseño e creación de interiores para a xestión turística e inmobiliaria en Begonte que se beneficiará dunha axuda de
42.500 euros, o mínimo achegado ás once empresas da provincia que como tope máximo recibirán 70.000 euros e que, no seu conxunto, permitirán mobilizar 1,5 millóns xa que é a cantidade que se comprometeron a investir as once empresas e particulares beneficiarias do programa.

Ademais os investidores poderán recibir un adianto do 60% da axuda concedida logo da notificación da resolución e unha vez teñan acreditado o inicio do plan empresarial de negocio, que se desenvolverá en 18 meses. As axudas do programa Galicia Rural Emprende están cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

O programa Galicia Rural Emprende súmase ao amplo catálogo de servizos, ferramentas e instrumentos de apoio habilitados pola Xunta no marco da Lei do Emprendemento e que inclúe o Fondo Galicia Iniciativas Emprendedoras, o programa Galicia Emprende, a Rede Galega de Inversores particulares ou a Rede Galega de Mentores. Unha nova liña de apoio co obxectivo de fixar poboación nas zonas menos poboadas de Galicia e aumentar as oportunidades laborais dos seus habitantes.