Skip to main content
ActualidadeRábade TERRACHÁXA

“A calidade da auga de Rábade é perfectamente apta para o consumo”

Por 13 Setembro, 2017Sin comentarios
O alcalde de Rábade daba a coñecer os informes das analíticas de auga deste 2017.

O alcalde de Rábade daba a coñecer os informes das analíticas de auga deste 2017.

“Ata o de agora, a calidade da auga de Rábade é perfectamente apta para o consumo porque está continuamente controlada pola consellería de Sanidade”.

Así o defende o alcalde de Rábade, Francisco Fernández Montes, en rolda de prensa en resposta ás críticas sobre o estado da auga que chegaban aos medios de comunicación o pasado mes de agosto “coincidindo ademais, practicamente, coas festas”.

O alcalde explica que se chegou a afirmar que “a auga de Rábade estaba provocando problemas de saúde poñendo en boca dos responsables do Centro Médico de Rábade e da xefatura do servizo de Sanidade a súa preocupación por supostos altos índices de infeccións de ouriña e gastroenterite”.

Estas declaracións, “a pesar de que tiñamos a tranquilidade de que eramos coñecedores das analíticas de auga e, polo tanto, sabiamos que non tiña ningún problema; supuxo unha preocupación para o Concello ao falar tan alegremente de problemas de saúde”. Polo tanto, realizamos as oportunas xestións ante os departamentos aos que se tiñan referido que inmediatamente nos negaron esta cuestión. Con todo, solicitamos que as respostas se nos deran por escrito e cando chegaron por escrito vímonos na obriga de convocar esta rolda de prensa para desmentir as acusacións sobre o estado da auga”.

Análises
Tal e como esixe a lexislación, o Concello de Rábade analiza os niveis de cloro diariamente e realiza dúas veces por semana dúas analíticas de organolépticos -tanto en planta coma na rede- que ofrece datos sobre o sabor, olor, pH, turbidez, etc.

A maiores tamén se realizan seis veces ao ano análises de control de depósito, unha análise completa da estación de tratamento de depósito dúas veces ao ano, unha análise de control da rede de abastecemento dúas veces ao ano, unha análise completa da rede de abastecemento unha vez ao ano, unha análise de billas seis veces ao ano e unha análise de seguimento de rede tres veces ao ano.

“Todo isto a maiores das análises que realiza Sanidade periodicamente de xeito bastante habitual -o cal lle agradecemos- e das analíticas que a propia empresa fai nos momentos nos que os índices elevados ou baixos de cloro alertan de situacións anormais”.

Prexuízos
“Se ben é certo que en Rábade non se xerou alarma, nin a xente ten esa preocupación que intencionadamente se tratou de buscar; fóra da vila a xente que non ten a oportunidade de ver como é a auga diariamente creouse unha mala imaxe que prexudica os intereses da nosa vila. Non podemos esquecer que Rábade é unha vila de servizos: hai moitas cafeterías, restaurantes, industrias de fabricación de alimentación e outros produtos aos que non lles fará ningunha gracia que fóra da vila se estea a falar de que a auga de Rábade provoca enfermidades e danos na saúde ás persoas. Isto non podemos permitilo de ningún xeito”, aclara o alcalde.

Problemas puntuais
“É certo que a nosa auga en algún momento puntual pode ter algún tipo de problema de turbidez coma os que practicamente se dan en tódolos lugares cando hai enchentes no río ou avarías de certa importancia, pero non ten por que afectar á potabilidade. De feito, en Rábade nunca afectou”, como recorda o rexedor que engade que “será un problema que se vai a seguir dando. Temos que asumir que no momento que haxa crecidas –e ogallá as haxa pronto pola carencia que temos de auga- vai haber problemas puntuais de turbidez”.

Pero, Fernández Montes comprácese en dicir que “nos 18 anos que levamos gobernando neste concello, nunca Sanidade decretou ningunha medida limitativa do uso da auga de Rábade. Iso é sinal de que as cousas non se están facendo tan mal”.

Depósito de decantación e outras melloras
Polo momento, “mellorouse notablemente e estase a mellorar a ETAP a través do Plan Único da Deputación e agardamos que se mellore cando teñamos a posibilidade de instalar un depósito de decantación”.

Trátase dun proxecto que o Concello ten solicitado a Augas de Galicia e que supón un investimento superior aos 300.000 euros. Polo momento, o Concello vai a realizar un investimento de arredor de 60.000 euros na mellora de planta necesaria para a colocación do depósito, aínda que sen unha data para a execución desta obra.

Igualmente, “o Concello ten realizado unha mellora na impermeabilización dos depósitos existentes que mitigar os problemas de turbidez”.

Antigüidade da rede
“A pesar de que moitos quilómetros foron xa cambiados, é certo que temos un problema de antigüidade da rede”. Nese sentido, o equipo de goberno establece unha comparación: a última obra que fixo o Partido Popular en Rábade foi a Avenida de Vilalba e a primeira obra que fixemos nós é a avenida da Coruña. Son obras practicamente contemporáneas, pero a avenida de Vilalba é onde practicamente se están producindo agora o 90% das avarías de rede; mentres que na outra non hai practicamente ningunha. Son exemplos de como facer as obras dun xeito ou doutro xeito”, sentecia o alcalde.