Skip to main content
ActualidadeVilalba

Portas abertas o mércores 20 de setembro para coñecer a Escola de Música de Vilalba

Por 18 Setembro, 2017Sin comentarios

O mércores 20 de setembro, a Escola de Música de Vilalba celebra unha xornada de portas abertas a partir das sete da tarde no auditorio municipal para achegar os instrumentos, sobre todo, aos máis pequenos.

A partir das oito do serán Santiago Noriega, de Musical Allegro (Lugo), ofrecerá unha charla informativa.

A Asociación Cultural Escola de Música de Vilalba nace da man dun grupo de profesores do Conservatorio, membros da banda e da charanga e pais e nais de alumnos e alumnas do Conservatorio Profesional de Música de Vilalba co obxectivo de formar canteira tanto para a Banda de Música, coma para a Charanga de Vilalba e outras formacións.

As clases de tódolos estilos e dirixidas a tódolos públicos desenvolveranse, principalmente, en horario de tarde. A oferta recolle: tuba, trombón, trompeta, trompa, frauta travesa, saxofón, clarinete, guitarra eléctrica, guitarra clásica, baixo eléctrico, ukelele, acordeón, piano clásico, piano de música moderna, piano de acompañamento e percusión (batería, marimba…). Tamén se ofertan clases de canto (lírico e moderno), coro infantil e coro de adultos.

Matrícula
O primeiro prazo de matrícula pecha o 27 de setembro, pero a escola continuará a recibir matrículas ao longo do curso con prazas e horarios máis limitados. As persoas interesadas poden contactar coa escola a través do correo acescolamusicavilalba@gmail.com ou da súa páxina de facebook: acesmuvi.

As tasas da escola serán de 60 euros a cota inicial e de 40 euros a cota mensual -excepto no caso de música e movemento para nenos e nenas de 3 a 7 anos que será de 15 euros; coro infantil e adulto a partir de 7 e 15 anos, respectivamente; que ascenderá a 20 euros igual que no caso dos segundos instrumentos-. Con todo, establécense descontos do 50% no prezo da cota inicial para o segundo membro da familia e a gratuidade para o terceiro.