Skip to main content
ActualidadeTERRACHÁXA

A Xunta lamenta que os acordos unánimes acadados no Pleno do Consorcio Provincial de Bombeiros “non se adquirisen antes”

Por 25 Setembro, 2017Sin comentarios

A Xunta de Galicia valora positivamente os acordos unánimes acadados no Pleno do Consorcio Provincial de Bombeiros e Salvamento na provincia de Lugo, por canto contribúen a desbloquear moitas das cuestións pendentes neste organismo, pero lamentan que estes compromisos non se adquirisen antes, xa que logo, todos eles teñen como base acordos previos que a Deputación de Lugo non desenvolveu durante todos estes meses de tempo perdido.

Igualación salarial
Así por exemplo, acreditouse que a partida orzamentaria que a Deputación de Lugo prevía destinar para facer fronte a igualación salarial dos bombeiros non se puxo en ningún momento a disposición do Consorcio limitándose a unha mera declaración de intencións sen efectividade real.

Para superar este bloqueo a administración autonómica pediu que se clarificasen os pasos a seguir para que poida abonarse este diñeiro adicional a todo o persoal, sen máis dilación, e comprometeuse a estudar unha achega similar unha vez se defina o novo modelo de xestión, como tiña defendido con anterioridade e que ata este momento non fora atendido.

Compre lembrar que, segundo o establecido na lexislación vixente de Réxime Local como na propia Lei de Emerxencias do ano 2007, é competencia propia das Deputacións a prevención e extinción de incendios en concellos de menos de 20.000 habitantes e pese a iso a Xunta colabora con este servizo financiado o 50% dos custos do consorico provincial e achegando ademais só nos tres últimos anos máis de 2,2 millóns de euros adicionais en distintos apoios e atención das emerxencias (GES, material agrupacións de voluntarios de protección civil, equipamentos, etc). Isto acredita o inequívoco compromiso do Goberno galego coas emerxencias fronte as meras declaracións de intencións da Deputación, que non se reflicten en investimentos concretos.

Estudarase a xestión directa do servizo
Tamén se acordou por unanimidade crear unha comisión que se encargará de estudar e impulsar os trámites necesarios para levar a cabo o cambio do actual modelo do servizo por outro de xestión directa logo de que por fin foran atendidas as condicións da Xunta que ata hoxe a Deputación non aceptara.

Os únicos condicionantes son aqueles que xa se acordaron os pasados meses de xuño e xullo, tanto no Pleno da Deputación de Lugo como na reunión que as deputacións provinciais mantiveron co vicepresidente da Xunta. Isto é que se elaborase un informe técnico e xurídico no que se concreten os pasos a seguir e se determinen as vantaxes da xestión directa fronte ao modelo actual, que o cambio de modelo non supoña aumento de custos para a Xunta, nin implique perda dos empregos dos profesionais que na actualidade están a prestar os seus servizos. Para o caso de que isto ocorra que tanto os incrementos derivados do novo modelo, como as reclamacións que poidan derivarse de actuais traballadores que non superen o proceso selectivo, sexan responsabilidade da Deputación como titular da Competencia e promotora deste cambio. O acordo final, polo tanto, non incorpora ningún condicionante novo respecto dos acordados fai meses, sen que a Deputación os levara adiante.

Outros acordos
No transcurso da xuntanza abordáronse outros temas de interese. Así, por unanimidade aprobouse o cambio dos estatutos para adecualos á lexislación vixente para que sexa a Deputación de Lugo a que ostente a Presidencia do Consorcio. Este cambio ten todo o sentido xa que logo o Consorcio está adscrito xurídica e funcionalmente á Deputación.

Tamén se acadou un gran avance, que permitirá nomear un xerente por primeira vez desde a constitución do organismo. Deste xeito, espérase que esta mesma semana estea rematado o proceso de selección do mesmo polo que se espera que a súa próxima incorporación redunde positivamente no funcionamento do servizo.

Acordouse tamén aprobar a elaboración duns criterios obxectivos para determinar os integrantes da bolsa de traballo, en caso de substitución dos actuais empregados do servizo. Isto é necesario despois de que, a petición da Xunta, o persoal que prestaba servizos a tempo parcial pase a facelo a tempo completo e, polo tanto sexa necesario actualizar a bolsa de substitucións as novas circunstancias e que se faga o chamamento con plenas garantías xurídicas.

Outro dos puntos abordados foi as solicitudes dos Comités das Empresas xestoras do servizo en relación con posibles incumprimentos en temas relacionados coas condicións de traballo. Hoxe acordouse encargar un informe técnico externo para estudar e, no seu caso, acreditar cada un destes aspectos e tomar as medidas precisas para pór fin a unha controversia entre empresas e traballadores que se alonga no tempo ata que no día de hoxe se lle deu solución.

E finalmente informouse sobre as obras nos distintos parques comarcais, indicando que xa está rematada a cometida eléctrica para o parque de Monforte e acordouse dirixirse ao Ministerio de Fomento para instarlle a reparación da estrada de acceso ás instalacións do parque de bombeiros emprazado en Barreiros e para que estude as posibilidades técnicas de articular unha saída directa á glorieta da Cruz do Lobo que serve de conexión coa estrada nacional e a autovía.