Skip to main content
Actualidade

A Xunta convoca o programa Reforma17 con descontos do 40 por cento para a mellora de baños e cociñas

Por 28 Setembro, 2017Sin comentarios

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape e en colaboración coa Asociación de Empresarios de Materiais para a Construción (Asemaco) pon en marcha unha nova convocatoria do plan Reforma 17, co obxectivo de facilitar a modernización de cociñas e baños nos fogares galegos e dinamizar, ao mesmo tempo, a actividade e o emprego entre as pemes e os autónomos da construción.

Así o explicou este xoves o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, quen indicou que os beneficiarios poderán obter rebaixas do 40% nos custos de produtos e mobiliario de cociñas e baños, dado que ao 20% que aporta a Xunta en axuda directa se suma outro desconto do 20% a facer polas empresas adheridas ao programa.

Como na anterior edición, o custo mínimo dos produtos adquiridos ao abeiro do Reforma 17 será de 1000 euros, e as axudas públicas oscilarán entre un mínimo de 200 e un máximo de 1000 euros. A previsión é que esta terceira edición permita mobilizar 20 millóns de euros no sector.

Distintos prazos para empresas e particulares
Desde hoxe mesmo e durante dez días, os establecementos e empresas de distribución de materiais de construción interesados en acollerse ao programa poden adherirse ao Reforma 17.

Por outra banda, os particulares que desexen reformar cociñas ou baños co apoio deste programa poderán presentar as súas solicitudes, sempre a través das empresas adheridas –que o farán de forma telemática–, desde o 11 de outubro e ata o 17 de novembro próximos.