Skip to main content
Sin categoría

O Goberno da Deputación ofrece formación sobre técnicas de innovación na cerámica da man de reputados expertos

Por 3 Outubro, 2017Sin comentarios
Darío Campos, Segismundo García e José Luis Vázquez presentaron os Workshops Sargadelos 2017.

Darío Campos, Segismundo García e José Luis Vázquez presentaron os Workshops Sargadelos 2017.

O presidente da Deputación, Darío Campos Conde, xunto ao Presidente e Secretario da Fundación Sargadelos, Segismundo García e José Luis Vázquez, respectivamente, presentou este martes nas instalacións desta entidade en Cervo os Workshops Sargadelos 2017. Trátanse dos obradoiros de cerámica dirixidos a profesionais, que ofrecen formación da man de recoñecidos expertos a nivel internacional sobre innovadoras técnicas coas que acadar novos produtos que se poidan incorporar aos sectores da moda, da decoración e da gastronomía.

O Goberno Provincial financia na súa totalidade esta iniciativa con 20.000 euros, facendo que o custe para os interesados sexa de cero euros. “Facémolo porque queremos poñer en valor a cerámica de Sargadelos, un dos buques insignia deste sector na nosa provincia e en Galicia, que traspasa as nosas fronteiras, así como avanzar cara unha maior proxección. Creo que o pulo do noso xa punteiro sector cerámico e a súa modernización a través da consecución de innovadoras pezas que se incorporen a novos mercados vai a contribuír á dinamización da economía da nosa provincia e ao mantemento ou á xeración de novos postos de traballo. Por este motivo, decidimos ofrecer aos profesionais deste sector na nosa provincia esta formación gratuíta e innovadora da man de reputados expertos”, destacou Campos.

Workshops Sargadelos 2017 inclúe 3 obradoiros sobre cerámica e complemento de moda, cerámica e iluminación e cerámica e gastronomía. Cada taller ofrece 40 horas de formación e 10 prazas, sumando un total de 120 horas de clases teóricas e principalmente prácticas, así como 30 prazas. Estes desenvolveranse nas instalacións da Fundación Sargadelos en Cervo e nas do Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD) da Deputación, que se sitúan na capital luguesa.

O prazo de solicitude está aberto ata o 11 de outubro, inclusive, en fundacionsargadelos@sargadelos.com. Os obradoiros son os seguintes:

– Cerámica e complementos de moda, do 16 ao 20 de outro no CENTRAD: obradoiro de deseño e desenrolo de pezas de cerámica para a súa iteración e complemento no sector da moda contemporánea. Os participantes empregarán pezas de téxtil, marroquinería ou xoiería que incorporarán aos seus traballos de cerámica, xerando complementos totalmente innovadores. Os seus titores serán Helena Rohener, Marina Casal, Andrés Gallardo e Jorge Vázquez. Terá lugar do 16 ao 20 de outubro no Centro de Artesanía e Deseño da Deputación na capital luguesa.

– Cerámica e iluminación, do 23 ao 27 de outubro na fábrica de Sargadelos: obradoiro de deseño e desenrolo de pezas cerámicas con elementos de iluminación contemporánea para o sector da decoración. Os titores serán David Martí, Jordi Capdevila, Arturo Alvaréz, Manuel del Río e Carlos Álvarez. Terá lugar do 23 ao 27 de outubro na fábrica de Sargadelos, no Concello de Cervo.

– Cerámica e gastronomía, do 6 ao 10 novembro na fábrica de Sargadelos: obradoiro de deseño e desenrolo de pezas cerámicas para a gastronomía contemporánea. Os titores serán os deseñadores Isaac Piñeiro, Xabier Rilo e Ricardo Tubio, así como os cociñeiros Iago Pazos e Manuel Valencia. Abordarán a tipoloxía de cada peza segundo o tipo de prato. Terá lugar do 6 ao 10 de novembro na fábrica de Sargadelos en Cervo.

Os Workshops contan coa colaboración de profesionais das fábricas de Sargadelos, destacados deseñadores cunha recoñecida traxectoria a nivel internacional nas tres especialidades que se ofrecen (moda, iluminación e gastronomía) e de deseñadores da Escola de Deseño Industrial de Ferrol da Universidade da Coruña e da Escola Superior de Moda de Galicia da Universidade de Vigo.