Skip to main content
Actualidade

Medio Rural ten tramitadas xa máis da metade das solicitudes de indemnización pola couza da pataca

Por 6 Outubro, 2017Sin comentarios
Belén do Campo presidía a reunión técnica sobre a praga da pataca.

Belén do Campo presidía a reunión técnica sobre a praga da pataca.

A Consellería do Medio Rural leva tramitadas máis da metade das solicitudes de indemnizacións pola couza guatemalteca da pataca recibidas ata o de agora. Unha vez que o pasado luns se pechou o prazo para reclamar estas subvencións, tivo lugar unha reunión de carácter técnico presidida pola directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, para valorar o estado dos pagos e avanzar nas medidas a levar a cabo.

Así, os servizos trasladaron que na provincia da Coruña están xa listos 94 expedientes e na de Lugo outros 573. En total, 667 persoas xa recibiron ou están a punto de recibir o pago correspondente polas patacas, ben plantadas ou en almacéns, que tiveron que ser destruídas por esta praga.

Ademais, neste encontro tamén se acordou a data para celebrar a comisión técnica de seguimento da couza guatemalteca da pataca que está convocada para o próximo día 11 de outubro. Neste órgano están representados, ademais da Xunta, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), o Laboratorio Fitopatolóxico de Galicia e a Indicación Xeográfica Protexida Pataca de Galicia. Este ente naceu co obxectivo de compartir a información ao respecto das medidas de control que se están levando a cabo da evolución da praga.

Respecto ao baremo de indemnizacións, este oscilaba entre os 0,30 euros/quilo (para o tubérculo de consumo producido na explotación) e os 0,70 euros/quilo para a pataca de semente. No caso das plantacións establecidas en zonas infestadas, fixouse unha indemnización de 0,40 euros por metro cadrado de superficie plantada. Tamén se determinaba un baremo para os almacéns comercializadores. Neste caso é o prezo de compra, debidamente xustificado mediante factura de venda do provedor de pataca de semente ou, para tubérculo de consumo, o prezo de adquisición por parte dos almacenistas, que o acreditarán mediante a factura de compra.

O orzamento previsto para esta liña de achegas foi de 250.000 euros e nela establecéronse as compensacións por destrución de vexetais debido á presenza de pragas de corentena como a tecia solanivora (couza guatemalteca da pataca).