Skip to main content
ActualidadeVilalba

Os socialistas de Vilalba rexeitan “calquera forma de violencia”

Por 10 Outubro, 2017Sin comentarios

O grupo municipal socialista recorda que “por mor dun axuste nas datas a petición do goberno local e acordado por todos os grupos políticos, a última sesión do Pleno municipal celebrábase uns días máis tarde do que debería terse producido”. Con todo, “non se prevía ningunha circunstancia que poidera facer pensar que cuestións que non foran as estrictamente políticas ocuparan os titulares de prensa máis aló do debate oportuno sobre as iniciativas levadas ao respecto da orde do día”.

Con todo, segundo explican dende o PSdeG-PSOE local, “aconteceu no debate da moción presentada polo noso grupo sobre a condena ás declaracións feitas pola Fundación Francisco Franco ao respecto do asunto do Pazo de Meirás, na que pediamos tamén promover a súa ilegalización e a consideración como persoa non gratas no noso municipio de toda a familia Franco. No seu turno de réplica o portavoz do BNG pediu do noso Grupo que clarificásemos a nosa postura no relativo aos feitos que tiveran lugar en Cataluña dous días antes. Obviamente esa postura, manifestada públicamente en repetidas ocasións, é de condena clara e rotunda das cargas policiais con desproporción. Así o manifestamos de novo no pleno, sen ningún tipo de dúbida, porque para nós o recurso á violencia non está xustificado en ningún caso. O alcalde negárase a aprobar a declaración de persoa non grata á familia Franco, e aproveitou a conxuntura para acusar aos grupos da oposición de apoiar o independentismo dun xeito malintencionado e pernicioso”.

Nese sentido, critican que “mesmo chegou a calificar a nosa condena á violencia como un feito inaudito”. E aclaran que “a nosa postura en todo momento foi a de condenar esas cargas contra a poboación civil como o fariamos de calquer outra forma de violencia. Neste mesmo senso tense manifestado o noso Partido ao afirmar por medio das súas portavocías que os conflitos creados dende a acción política deben de resolverse con diálogo e respectando as disposicións xudiciais, pero tamén que a proporcionalidade nas accións policiais non deben de entenderse con accións ditadas dende o poder gubernamental que impliquen respostas violentas como forma de resolución dos conflictos”.

Os socialistas indican que “xa temos rexistrada a petición da oportuna copia da gravación da sesión plenaria. Cando a teñamos no noso poder, faremos a transcrición e daquela quedarán ao descubero as insidias e as mentiras do Sr. Alcalde”.

Outras propostas
A este pleno, ademais desta moción, o grupo municipal presentaba outras tres, a primeira delas, para a aprobación dun regulamento de uso e cesión de locais municipais ás asociacións constituídas e que figuren no rexistro municipal. Argumentan que “non é suficiente con que a ordenanza existente para delimitar os parámetros de rexistro indique que as asociacións teñen dereito a solicitar un local, senón que temos que traballar para facilitar o desenvolvemento das súas actividades como motor indispensable que son, e facelo dun xeito transparente, definindo os criterios de cesión e as normas de corresponsabilidade entre o Concello e as propias asociación. Esta moción foi aprobada por unanimidade”.

E a terceira proposta, que foi rexeitada, instaba ao goberno municipal a que “resolvera os trámites para a adquisición dos terreos que ocupan a zona de protección dos restos da muralla da Vilalba e que promovera un completo proxecto de musealización. Sita na confluenza das rúas do Sol e da Pedra e considerada como parte do acervo cultural e patrimonial do concello, os socialistas solicitábamos que se desenvolveran accións para asegurar non só a protección de dito ben, senón tamén outras para a súa posta en valor, de xeito que se recoñecera debidamente para convertela nun complemento de desenvolvemento económico do sector turístico do noso concello. Foi rexeitada tamén polos votos do PP co argumento de que o noso Concello non podería asumir o custe destas actuacións, así que, por desgraza, seguiremos vendo como día a día a nosa muralla seguirá perdendo máis pedras e sufrindo atentado tras atentado ata a súa completa desaparición”.

Finalmente, “á nosa petición de que se restableceran as liñas de transporte para a veciñanza que foron suprimidas recentemente, en concreto a que daba cobertura ás parroquias de Lanzós e San Simón, implantada décadas atrás e que dotaba dun servizo público a unha gran parte de vilalbeses que non contan agora con outro tipo de transporte nos seus fogares, tamén deron a negativa por resposta co argumento de que a Xunta non pode paralizar xa o seu plan de transporte. Se cadra, de ter feito o equipo de goberno os deberes en tempo, non se tería producido a perda desta liña e doutras que fan que os veciños do rural teñan aínda menos facilidades na súa vida diaria”.

“Rematado o debate das nosas mocións e das presentadas por Vilalba Aberta, o portavoz do BNG manifestou que non iba defender as súas mocións, como protesta ante a reprochable actitude e acusacións do alcalde de apoio ao indepentismo catalán, pedíndolle ao alcalde que se retractase da súa actitude e das acusacións falsas tanto contra el coma contra o noso grupo”, segundo explican dende a agrupación socialista que critica que “o alcalde, en vez de retractarse ou desculparse, seguiu na mesma liña e tildou a resposta como consecuencia dun “remordemento de conciencia”. Nós decidimos neste punto abandonar tamén o Pleno porque cremos que hai determinadas acusacións que non podemos permitir e non o fixemos antes por respecto ao traballo dos compañeiros das outras forzas políticas”.

Preguntas
En canto ás preguntas formuladas polo grupo socialista, “descoñecemos as respostas dadas polo alcalde , pero de non figurar na redacción da acta da sesión, volveremos a formulalas no seguinte Pleno”.