Skip to main content
ActualidadeVilalba

O PSOE de Vilalba acusa ao goberno local de incumprir o contrato de obras das Fontiñas

Por 11 Outubro, 2017Sin comentarios

O Grupo Municipal Socialista vén de denunciar que se incumpriu o período de execución das obras de saneamento e abastecemento da rede de augas do barrio das Fontiñas, de xeito que deberían ter finalizado hai máis dun mes e medio. A acta da mesa de contratación da obra, con data 11 de xullo, contempla a adxudicación dos traballos para a empresa seleccionada cun período de execución de 7 semanas, excedidos temporalmente duplicando dito período.

Ademais, empregouse un procedemento negociado sen publicidade para estas obras que sobrepasan os 200.000 euros alegando o carácter de urxencia. En palabras da voceira dos socialistas, Elba Veleiro, “estas obras tiñan que estar finalizadas hai máis dun mes e medio, con maior motivo sabendo que se adxudicaron co procedemento de urxencia”, aclarou Veleiro, criticando que o equipo de goberno “segue a empregar as súas argucias para conceder as obras a dedo, á mesma empresa de sempre”. Por outra banda, engadiron que “a seguridade para as personas que camiñan pola zona redúcese drasticamente ao ter que baixar á estrada para poder pasar nalgúns puntos, tendo en conta que as obras estendéronse tanto para as festas patronais como no comezo do curso escolar, por onde transitan un número importante de estudantes”.

Por último, os socialistas indicaron “que estamos pendentes de que se cumplan as normas de accesibilidade, algo totalmente prioritario”, pero tamén incidiron na necesidade de “mudar o modelo urbanístico cara unha vila máis humana, pois cada vez que se fai unha obra desta evergadura poderíase aproveitar para ampliar as beirarrúas para os viandantes”, propuxeron. Emporiso, desde o PSOE piden maior dilixencia nas accións do equipo de goberno e subliñan que “este proceder caciquil perpetúase coa aprobación do alcalde, Agustín Baamonde, quen garantizou un tempo novo para Vilalba e con cada unha das súas accións está a demostrar que todo cambia para que todo siga igual”.