Skip to main content
ActualidadeGuitiriz

Jordi Blengua critica “a mala xestión do persoal por parte do Concello”

Por 23 Outubro, 2017Sin comentarios

O edil non adscrito Jordi Blengua asegura que “hai xa tempo que o goberno municipal de Guitiriz presidido pola Sra. Regina Polín entrou nunha dinámica de enfrontamento co persoal laboral de devandito Concello. Á gran apatía e desidia demostrada nos últimos tempos polo equipo de goberno e coa alcaldesa á súa cabeza na toma de decisións, engádeselle o empobrecemento do labor político-institucional así coma a xestión pública do Concello. A esta incapacidade de propostas, ideas e iniciativas que melloren o día a día da calidade de vida dos nosos veciños, únese a indiferenza ás propostas que lle achegan outros grupos a favor dunha mellora substancial da realidade na que nos movemos, buscando uns servizos acordes ás demandas dos nosos veciños e veciñas, á modernización da nosa administración pública municipal e en relación a iniciativas que axuden a saír deste letargo económico sobre a eficacia, a eficiencia e o ben común dos servizos públicos municipais como fixemos en todos os plenos”.

Blengua engade que “a Sra. Polín non só ignora as achegas que facemos desde a oposición, senón que nunha batalla sen igual a aberto frontes con todo o persoal laboral deste Concello. Non hai departamento municipal que non se libre deste enfrontamento. Desde hai tempo a comunicación entre traballadores e equipo de goberno baséase en choques dialécticos e mesmo ameazas por parte da alcaldía. Ás lóxicas demandas dos traballadores respóndeselles con insinuacións de externalización de servizos, como pasa cos traballadores do PAI ou do SAF, despedimentos como houbo na Brigada Verde, así como os numerosos contenciosos que ten o Concello con traballadores nos xulgados e que ata agora as sentenzas están a dar a razón aos mesmos, polo que as consecuencias económicas para o Concello por custos e indemnizacións se verán reflectidas fortemente nas arcas municipais. No último capítulo desta sen razón atópanse os traballadores do GES polo despedimento dun compañeiro que ante as continuas ameazas da alcaldesa se viron na necesidade de defenderse e demandar ao Concello por vía xudicial”.

Ante “este nivel de crispación laboral xeneral motivado por unha mala planificación e unha mala xestión do persoal por parte do Concello, ademais da falta dunha RPT actualizada e acorde ás necesidades laborais”, Jordi Blengua solicita ” a búsqueda de solucións por parte do goberno municipal”.

Así mesmo, amosa “o total apoio desta portavocía co persoal laboral de todos os departamentos deste Concello en xeral e en particular co persoal do PAI, SAF e GES”.