Skip to main content
Vilalba

Xosé Lois García presenta en Vilalba o seu último poemario ilustrado por María Guerrero

Por 27 Outubro, 2017Sin comentarios

A Casa da Cultura de Vilalba acollerá o vindeiro venres 3 de novembro, ás oito e cuarto do serán, a presentación do poemario No soño dos ollos da autoría de Xosé Lois García.

No acto, que estará aberto ao público ata completar aforo, o autor estará acompañado do prologuista do libro, Héitor Picallo; do profesor e escritor Matías Rodríguez, do alcalde da localidade, Agustín Baamonde e da ilustradora dos poemas, María Guerrero.

A obra
Este libro, editado por Edicións Fervenza, e que contou coa colaboración do Concello de Vilalba, componse duns corenta poemas, ilustrados –todos eles- por delicadas e sinxelas obras a cargo da ilustradora vilalbesa María Guerrero.

No soño dos ollos érguese como un poemario desvergoñadamente onírico, que gusta de reter entre as mans a esencia da nai terra, concibida coma unha trindade cósmica, ou coma tres vértices precisos e preciosos nos que o autor espreita, experimenta e compón. Velaí que nese triángulo fiquen o tempo, a substancia identitaria e totémica da Matria e o panteísmo absoluto (todo é sagrado no que nos arrodea). Alén dos temas e motivos que moven e conmoven –tanto ao autor como a quen le– este libro de poemas carrexa unha esencia metafísica que profunda no porque das cousas, e sucumbe nunha “cosmovisión non monoteísta” do orbe.

Xosé Lois García.

O autor
Xosé Lois García, naceu en Lugo o 22 de abril de 1945. Criouse na parroquia de Merlán (Chantada). Aos vinte anos pasou a vivir a Barcelona, traballando como operario metalúrxico. Estudou varios cursos de socioloxía no Instituto de Ciencias Sociais e Políticas de Barcelona que, mais tarde, abandona para ingresar na Universidade de Barcelona, onde se licenciou en Filosofía e Letras (Historia Contemporánea).

Profesor, fundador e director do Arquivo Histórico Municipal de Sant Andreu de la Barca (Barcelona) e responsábel do Patrimonio Histórico. Desenvolveu diversos labores na divulgación da cultura galega en Cataluña. Conferenciante, articulista en varias publicacións na Galiza, España e o estranxeiro. Columnista semanal do xornal, Galicia Hoxe, A Nosa Terra, Sermos Galiza, entre outros.

Autor de diversas publicacións de historia, ensaio, teatro, literatura infantil e sobre simboloxía románica da Ribeira Sacra. Como poeta ten publicado mais de trinta libros. Recoñecido como un dos mais importantes especialistas da literatura de expresión portuguesa en África e destacado divulgador da lusofonía, antólogo e tradutor.

Recentemente vén de publicar, tamén con Edicións Fervenza dúas obras teatrais, O proceso a Lucía Fidalgo e Auto do demo e da viñateira.

A ilustradora
María Guerrero Rico nace en Vilalba, pasando toda a súa infancia nesta localidade. Tras realizar estudos na Escola de Formación do Profesorado de Lugo, regresa de novo ao seu pobo natal para exercer como mestra de primaria no CEIP Antonio Insua Bermúdez.

A súa paixón polo debuxo e a ilustración comezou de ben pequena, sendo só unha nena; unha afección que a acompañou ao longo dos anos e que trata de inculcar nos seus alumnos e alumnas.

No que concirne ao mundo literario ten ilustrado o libro Doce Ducias de Mero Iglesias, entre outras colaboracións. Así mesmo, tamén son habituais as súas participacións coa asociación Xérmolos e as publicacións que esta edita.