Skip to main content
Actualidade

Campos Conde, premio COGAVE polo seu traballo en defensa dos dereitos dos veciños da provincia

Por 28 Outubro, 2017Sin comentarios

Darío Campos recibe o premio COGAVE.

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde recibiu este sábado en Pontevedra un dos premio que concede a Confederación Galega de Asociacións Veciñais (COGAVE) polo traballo en defensa dos veciños. Fíxoo a proposta da Federación de Asociacións Veciñais de Lugo.

Campos Conde destacou que “aínda que creo os representantes políticos non debemos recibir estes premios porque a nosa obriga é representar, defender e traballar pola defensa dos cidadáns, asegúrovos que para min non hai mellor recoñecemento que o dos veciños. Polo tanto, e vaia por diante, a miña máis sincera gratitude polo mellor premio que podía recibir”.

“Os que me coñecen, os meus amigos, compañeiros ou veciños, saberán que sempre me presento como Darío da Pontenova porque, máis alá de ter o grande orgullo e responsabilidade máxima de ser Presidente da Deputación de Lugo e Alcalde da Pontenova; son, por encima de todo, veciño da provincia de Lugo e pontenovés.”

“E isto non significa que as miñas responsabilidades públicas vaian ao marxe da miña vida persoal, senón máis ben todo o contrario. Están intrinsecamente ligadas”.

“Son veterinario ata fai uns poucos anos de profesión e dende sempre de vocación. E garántovos, que nunca pensei en formar parte da esfera política. Pero sempre fun un “veciño activo”; unha persoa a que lle satisface, máis que nada, axudar aos demais; ser capaz de dar resposta aos problemas que calquera nos podemos atopamos; ou defender aos que, quizais, non o poden facer en igualdade de condicións. Por este motivo, hai máis dunha década, no ano 2006, xuntámonos varios veciños “activos” da Pontenova, inquedos por cambiar as cousas no noso Concello; por construír un novo futuro no municipio, por facelo máis xusto e igualitario; por ofrecer oportunidades de vida, de calidade de vida, a todos, independente da nosa idade, profesión ou da parroquia na que nacemos”.

“As nosas inquedanzas leváronnos a recuperar a agrupación municipal do Partido Socialista na Pontenova e a presentarnos ás eleccións municipais, cando o PSOE levaba máis dunha década sen representación no noso Concello. Fixémolo porque sempre entendemos que a política naceu, única e exclusivamente, para representar e defender os intereses dos cidadáns”.

“Así llo trasladamos aos nosos veciños que, sen máis coñecemento que aos nosas persoas e inquedanzas, non deron a súa amplía confianza para asumir a alcaldía e o Goberno da Pontenova. O traballo que levamos a cabo foi, e segue a ser, duro; de moitísima responsabilidade e dedicación absoluta. Pero ten a mellor recompensa: ser útil para os veciños, que, despois de 10 anos, nos seguen a brindar un apoio incuestionable”.

“Dende entón, a miña responsabilidade multiplicouse, pois agora a miña obriga non é só representar e defender os intereses dos pontenoveses, senón os dos 300.000 lucenses. Chegar a cada un deles non sería posible sen escoitar ao importante movemento asociativo que temos na nosa provincia; sen atender á Federación de Asociacións Veciñais de Lugo, que, superando os 200 colectivos, dos que forman parte máis de 20.000 lucenses; demostrou un incansable traballo na defensa dos intereses dos lucenses”.

Neste senso, puxo en valor a actividade levada a cabo polos colectivos lucenses e destacou que “a súa intensa dedicación foi imprescindible, entre outras cuestións, para mobilizar a unha multitudinaria marea vermella na nosa provincia, que fixo posible que Lugo deixase de ser a única provincia de Galicia sen servizos sanitarios públicos como Radioterapia ou Hemodinámica”.

O Presidente destacou que a Deputación sempre se sumou ás reivindicacións dos veciños e subliñou que “ninguén nos vai a baixar de ningún tren”.

“Os que nunca se subiron a el non van a conseguir que deixemos de defender, incansablemente, os intereses de todos os lucenses, reclamando os servizos públicos, imprescindibles que necesitamos os veciños de Lugo, ao igual que o resto de galegos”

“Seguiremos a reclamar un servizo de Hemodinámica as 24 horas, porque non nos conformamos cun en horario de oficina. Servizos ferroviarios do século XXI e liñas de tren que nos comuniquen co resto do país. A chegada do AVE ou a Estación Intermodal, que nos arrebataron. Prestacións públicas no antigo Xeral, que seguen sen materialicen. Ou os servizos públicos que necesitamos para vivir dignamente no noso rural e non quede totalmente abandonado”.

“Estou convencido de que, xuntos, conseguiremos de novo facer xustiza, demostrando, unha vez máis, que o movemento dos veciños é imparable”.

“En Lugo, A Coruña, Ourense ou Pontevedra, os veciños teñen demostrado que Galicia non é nada sen a súa xente. Nas peores situacións nas que nos temos atopado, e ante a falta de responsabilidade ou pasividade dos representantes políticos fronte ás administracións coas competencias; a unión veciñal amosou que nunca deixaremos de loitar polo futuro da nosa xente e da nosa terra. Fixémolo co Prestige e, recentemente, na baga de incendios que arrasou Galicia, mobilizando de novo á marea veciñal”.

“Hoxe, de xeito especial, quero poñer en valor o compromiso dos veciños coa nosa Comunidade; e a impagable labor, diaria, que levades a cabo dende todas as federacións veciñais para que a nosa unión veciñal sexa incuestionable”.

“Gracias pola vosa implicación e polo mellor recoñecemento que pode ter este veciño”, destacou Campos Conde.