Skip to main content
Actualidade

Medio Rural permitirá excepcións á prohibición de pastoreo en montes ou terreos forestais afectados por incendios

Por 4 Novembro, 2017Sin comentarios

A Consellería do Medio Rural permitirá excepcións, tal e como o establece a Lei de Montes de Galicia, á prohibición de pastoreo en montes ou terreos forestais afectados por incendios co fin de evitar maiores prexuízos gandeiros que xa resultaron damnificados polos lumes.

Desta forma, os titulares damnificados tanto da última vaga de incendios do mes de outubro ou de lumes producidos durante o verán, non terán que esperar os dous anos que contempla a normativa para restaurar a masa afectada. Os lugares nos que se establecerá esta excepción serán analizados e avaliados pola Consellería do Medio Rural para determinar en que lugares é preciso aplicar esta excepcionalidade. Estes lugares non poderán ser en ningún caso superficies arboradas ou zonas correspondentes a Parroquias de Alta Actividade Incendiaria (PAAI).

Para solicitar este permiso os titulares dos dereitos de aproveitamento deberán acreditar perdas de difícil ou imposible reparación pola prohibición de pastoreo ou a inexistencia de alternativas a esta actividade nas áreas afectadas polos lumes forestais dentro da mesma demarcación forestal. Será necesario tamén estar inscrito no Rexistro Público de Terreos Forestais de Pastoreo e presentar unha solicitude á xefatura territorial da Consellería do Medio Rural.

Non é a primeira vez que se outorgan este tipo de autorizacións que permiten o acceso do gando a superficies queimadas, sempre que se garanta que non produza un prexuízo medioambiental no monte. Na actualidade, esta excepcionalidade cobra especial relevancia pola ampla superficie afectada tras a vaga de lumes de outubro e que se suma á situación de seca acumulada en Galicia no último ano. Ambas circunstancias dificultan a alimentación do gando en extensivo e de aí que a Xunta decida habilitar este tipo de medidas para dar resposta á necesidades dos gandeiros.