Skip to main content
ActualidadeFriol TERRACHÁXA

A Xunta pecha en Friol as xornadas informativas para afectados polos incendios de outubro

Por 7 Novembro, 2017Sin comentarios

Cadramón, Santos e Balseiro achegando información sobre as axudas aos afectados polos incendios.

A Delegación Territorial da Xunta en Lugo remata este martes en Friol o ciclo de xornadas informativas que desenvolveu durante a última semana para achegar información detallada sobre as axudas habilitadas a todas as comarcas afectadas polos incendios forestais de outubro.

Esta tarde están citados no Centro sociocultural de Friol os afectados da zona centro da provincia e da Terra Chá. O delegado territorial, José Manuel Balseiro, e técnicos dos diferentes departamentos implicados explicarán o amplo programa de subvencións posto en marcha polo Goberno autonómico.

Ao respecto, cabe lembrar que só a Consellería do Medio Rural establece sete liñas de axuda, e ademais acordou contemplar a posibilidade de conceder anticipos de ata o 50% do importe do total da axuda, que se farán efectivos unha vez realizada a notificación da subvención

A orde de axudas conxunta promovida pola Xunta prevé tamén outros apoios impulsados polas consellerías de Economía, Emprego e Industria (Igape), Medio Ambiente, Infraestruturas e Vivenda, a Vicepresidencia e as áreas de Turismo e Deportes.

Ademais, a estes apoios hai que sumar os outros por preto de 10 millóns de euros que o Goberno galego destinará a actuacións directas para reparar danos en montes, estradas e outros espazos de competencia autonómica.

O delegado territorial lembrou que para axudar e dar unha resposta axeitada aos damnificados, ponse en marcha o teléfono gratuíto 900 81 54 00, que estará operativo todos os días da semana, sábados e domingos incluídos, das 8.00 ás 22.00 horas.

Axudas de Medio Rural
A Consellería de Medio Rural recolle subvencións para as explotacións agrícolas e gandeiras para compensar perdas na produción agrícola, polo valor dos animais mortos ou das colmeas destruídas, e polo custo da alimentación complementaria que hai que subministrar aos animais superviventes nas zonas afectadas.

Así mesmo, haberá axudas para os gastos de extracción ou eliminación de madeira de corta comercial amoreada na zona afectada polos lumes. Tamén serán subvencionables a corta, a recollida e o estelado da madeira queimada non comercial en pé.

Outra liña establece apoios dirixidos a reparar danos en infraestruturas, maquinaria e equipamento relacionados con explotacións agrarias e gandeiras, tales como pistas forestais, captacións de auga, cerramentos e bebedoiros e comedeiros. No caso de que quedasen inutilizados poderán ser substituídos por outra maquinaria nova.