Skip to main content
Actualidade

O Parlamento aproba unha iniciativa social para reactivar o novo Plan Forestal consensuado co sector

Por 7 Novembro, 2017Sin comentarios

O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou este martes unha moción do Grupo Socialista para reactivar o novo Plan Forestal, que leva “agochado nos despachos” dende se coñeceu o seu borrador no pasado mes de xuño. O portavoz de Agricultura do Grupo Socialista, José Antonio Quiroga, presentou esta iniciativa dirixida a “cambiar a planificación e xestión do monte galego”.

A proposta aprobada no Parlamento insta a consensuar o borrador do Plan Forestal, que resulta “crucial para facerlle fronte con garantías á ameaza do lume”, co sector relacionado co mundo forestal e cos grupos parlamentarios. Instou a “comezar o proceso de participación, mellora e adaptación ás necesidades socioeconómicas, culturais e medioambientais de Galicia”.

Advirte que o actual Plan Forestal, vixente dende o ano 92, demostrouse “desfasado” e ten deixado paso a unha xestión das masas forestais “cun interese unicamente comercial”, incapaz de afrontar a falla de planificación, o abandono do rural e a redución da actividade agropecuaria. Aí radica, dixo, a explicación ao “descontrol e desbordamento” de plantacións de eucalipto ou piñeiros “sen corte social, medioambiental ou de prevención dos incendios”.

Sinalou que “non vale andar con parches”, en alusión á regulación da Lei de Montes de 2012, a proposta de directrices para a revisión do Plan Forestal en 2015 ou diversos decretos que regulan a xestión forestal e que considera “ocorrentes para salvar unha situación puntual, pero que fracasan no plantexamento global”.

Sinalou que actualmente en Galicia hai 2,1 millóns de hectáreas de superficie forestal, das que 1,5 están ocupadas por bosques e distintos cultivos silvícolas, e implica a 3.000 empresas e en torno a 70.000 postos de traballo directos e indirectos para producir máis da metade da madeira para transformación do Estado.