Skip to main content
Sociedade

Os Carabullos Charli e Isma, primeiro e segundo o aberto de billarda en Trabada

Por 7 Novembro, 2017Sin comentarios

A cuarta xornada da LNB da Conferencia Norleste celebrábase no pavillón de Trabada.

Xa tardaban en chegar os varados na conferencia NorLeste e foi nesta cuarta xornada cando asomaron por primeira vez na tempada. A tan agardada choiva non deu tregua neste sábado 4 do mes de defuntos e obrigounos a trocar o bravio escenario do alto da Cadeira polo liso e uniforme chan do pavillón deportivo de Trabada donde o chaparrón de varados parecía querer competir ca pingueira de fóra.

Os 27 tiros directos que se contabilizaron, quedan nembargantes lonxe da marca establecida o ano pasado en Meira donde o total da xornada foron 38. As billardas saían a fume de carozo, fungaban no ar ou escoregaban favorecidas pola pista rápida cara ao varal sin atranco ningún.

Xornada vertixinosa en canto ao xogo das que fan afición pola vistosidade pola cantidade de xogadas espectaculares e mesmo estranas que só se poden dar dentro dun pavillón: aquela billarda que semella ir afastándose do varal e que empurrada pola invisible man feiticeira de nun se sabe quen, troca a súa dirección ata introducirse na portería ou aquela outra que vai perdendo forza según se achega e non da chegado.

Sachas abriu a lata dos varados cun tiro directo na primeira carreira moi ben secundado por Santi, Rubén, o infantil Manu Caldeiro, Isma e Muriego que o igualaron. Logo virían outros destacando Isma que foi o máximo realizador da xornada con tres.

Foi unha xornada moi competida e igualada onde os favoritos deron poucas opcións, aínda que se tivo que tirar man dos desempates para decidir os tres primeiros postos. Os Carabullos Charli e Isma, con candanseus 23 puntos, fixéronse co primeiro e segundo posto, respectivamente. No terceiro quedou Jorge de Remourelle Bulls (con 21 puntos) logo de saír gañador do desempate con Regueiro de Troitas Bravas.

En equipos e para redondear unha moi boa actuación, os Carabullo foron os dominadores consolidándose así na segunda posición da xeral acortando un pouquiño a diferenza cos Billardeiros Musicais, terceiros e deixando a cinco punto a Chainzos-Cadaval, que foron segundos.

En donas, Bea (Troitas Bravas) foi intratable, segunda Lola Eiras (Polka Miseria) e Geni (Billardeiros Musicais) rematou en terceiro lugar.

Os agasallos para os gañadores entregounos nesta ocasión o reaparecido seleccionador Manolo Flores. Parabéns a toda a tribu billardeira por este novo éxito e billarda sempre.

CLASIFICACIÓN
– Individual:
Charli (Carabullo) e Manu Pozo (Billardeiros Musicais): 85 puntos.
Sachas (Troitas Bravas): 82 puntos.
Daniel (Billardeiros Musicais): 77 puntos.
Markytos (Billardeiros Musicais): 76 puntos.

– Donas:
Geni (Billardeiros Musicais) e Paula (Chainzos-Cadaval): 53 puntos.
Bea (Troitas Bravas): 31 puntos.
Carme (Troitas Bravas) e Lorena (Chainzos-Cadaval): 29 puntos.

– Equipos:
Billardeiros Musicais (Ribadeo): 316 puntos.
Carabullo (Ponte Outeiro): 304 puntos.
Chaínzos-Cadaval (Terra Cha/Castro Rei): 299 puntos.

A quinta xornada celebrarase en San Miguel. Se o tempo o permite xogarase no Campo das Valgas, a carón do campo de fútbol, e se chove recorrerase ao pavillón deportivo.