Skip to main content
Actualidade

A Xunta contempla a homoxeneización salarial dos bombeiros dos consorcios provinciais para 2018

Por 10 Novembro, 2017Sin comentarios

Parque comarcal de Bombeiros de Vilalba.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, mantivo un encontro cos representantes do cadro de persoal do servizo provincial de bombeiros de Lugo no que lles trasladou que os orzamentos autonómicos para o ano que vén, contan cunha partida de 1,7 millóns para abordar a comarcalización dos parques de bombeiros das cidades e para a homoxeneización salarial do servizo dos consorcios provinciais.

Balseiro explicou que o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, así llo trasladou recentemente ás deputacións e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) durante a posta en marcha dun grupo de traballo específico para a mellora das emerxencias constituído tras un acordo Pleno da Comisión Galega de Protección Civil.

Desde a administración autonómica traballan na procura do máximo consenso para homoxeneizar as condicións dos traballadores dos parques de bombeiros de toda Galicia, logrando progresivamente a equiparación salarial de todos os bombeiros comarcais. Ao mesmo tempo, a Xunta segue agardando os pasos a dar para o cambio de modelo na xestión dos parques de bombeiros, xa que aínda non se pronunciaron as Deputacións.

Esforzo económico a pesar de non ser a titular da competencia
A pesar de que a xestión das emerxencias non é unha competencia de titularidade da Xunta, a administración autonómica colabora con este servizo financiado o 50% dos custos do consorcio provincial e achegando ademais outros apoios adicionais como os previstos para a atención das emerxencias (GES, material agrupacións de voluntarios de protección civil, equipamentos, etc.)

O Goberno galego segue na liña de mellora continua nun eido tan importante como son as emerxencias na nosa comunidade, e desenvolve este novo esforzo económico pero ao mesmo tempo pide que cada Administración sexa responsable coas súas competencias, xa que lembra para os concellos de menos de 20.000 habitantes, o responsable da xestión das emerxencias é a Deputación correspondente.