Skip to main content
ActualidadeXermade

Os lagos de Lousada, declarados provisionalmente como Espazo Natural de Interese

Por 16 Novembro, 2017Sin comentarios

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio vén de publicar, a través do Diario Oficial de Galicia, a orde pola cal se establece a declaración provisional do Espazo Privado de Interese Natural (EPIN) dos Lagos de Lousada, en Xermade. Esta declaración significa que os promotores do EPIN dispoñen, a partir deste momento, dun prazo de dous anos para presentar o Plan de conservación necesario para a súa aprobación definitiva.

Cómpre sinalar que, segundo establece a normativa vixente, se ben a declaración do EPIN é competencia da Xunta de Galicia, os promotores comprométense á conservación e protección dos valores naturais e paisaxísticos que levaron á declaración provisional do espazo privado como de interese natural. De aí que, no transcurso dos vindeiros dos anos, deben presentar un plan de conservación e xestión que garanta a preservación do enclave.

Neste senso, o ámbito sobre o que se realiza a declaración localízase na parroquia de Lousada, Lugar de Muíño Novo, no concello de Xermade. Trátase dunha parcela que posúe uns valores singulares respecto á hidroloxía, derivados da presenza de antigas explotacións mineiras que deron lugar á creación de dous lagos e unha lagoa permanentes. Os lagos contan cunha superficie que ronda os 15.000 m2 e a lagoa cunha superficie de arredor de 1.500 m2, sendo os principais elementos de interese da zona.

Ademais, estes lagos constitúen importantes puntos de auga (bebedeiros) para a fauna da contorna próxima, con notables poboacións de insectos e anfibios, formando parte do Inventario Galego de Humidais. O EPIN tamén garda relación coa Reserva da Biosfera Terras do Miño ao estar integrado no seu ámbito territorial. De feito, contén diversos hábitats de interese comunitario. En definitiva, rexistra presenza de valores naturais suficientes como para xustificar a declaración provisional do espazo natural protexido baixo a categoría de EPIN.

Por último, sinalar que a figura do espazo privado está regulada pola Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza e o Decreto 124/2005, do 6 de maio, establecendo a posibilidade de que as institucións e as persoas propietarias dos terreos nos que existan formacións naturais, especies ou hábitats de flora e fauna silvestres dos que se considere de interese a súa protección, poidan propoñerlle á Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio a súa declaración como EPIN.