Skip to main content
Sin categoría

Carabullo vence en Reinante e recorta distancias cos líderes da LNB da conferencia Norleste

Por 22 Novembro, 2017Sin comentarios

Preto de medio cento de palanadores distribuidos en tres pistas simultáneas disparaban as billardas cara ao varal no campo das Valgas en San Miguel de Reinante na quinta xornada da liga regular de billarda da conferencia NorLeste sen grandes sorpresas na xornada e, polo tanto, poucas variacións nos primeiros postos da clasificación.

Charli recunca como gañador aínda que tivo que desempatar cun acertado Iván Alonso empatados a 22 puntos. O terceiro, con 21 puntos, foi Regueiro que mantén a súa regularidade e sube un posto a costa dun non moi acertado Sachas.

Destaca a boa actuación do primeirizo Óscar que se desenvolvía moi ben un terreo difícil para os principiantes e Manu Pozo que mantén o tipo na segunda posición da xeral malia xogar coa man esquerda ao estar doente do ombreiro dereito por unha caída.

En donas Geni impuxo a súa condición de bicampioa nacional e gañou con solvencia comezando o que parece unha fuxida cara adiante. Paula fíxoo moi ben, pero tivo que renderse ante os acertados golpes da musical billardeira. Lorena foi terceira.

E o xuvenil Manu Caldeiro, encadrado nun grupo nada sinxelo, a piques estivo de dar a campanada.

En equipos, os Carabullo gañan por segunda xornada consecutiva coa teima de dar caza aos campións, Billardeiros Musicais, recortando pouquiño a pouco a diferenza de puntos que os separan e deixando descolgados a Chainzos-Cadaval e aos Troitas Bravas.

Os palanadores e palanadoras gardaron un minuto de silencio polo falecemento de Xosé da Flor.

O seleccionador nacional Manolo Flores entregaba os agasallos dunha xornada que comezaba cos paláns guindados no chan e tódolos palanadores arredor gardamos un respetuoso minuto de silencio en recordo de Xosé Salgado Agrelo, máis coñecido por Pepe da Flor ou Pepe de Meira, un bo home, amigo e compoñente do equipo Tropa Lixeira, que nos deixou prematuramente ao non superar unha longa doenza.

Este mesmo xesto foi repetido polos compañeiros da conferencia NorOeste o domingo pola mañá e tamén nas Rias Baixas durante o vindeiro encontro.

Clasificación
Individual:
Charli (Carabullo): 107 puntos.
Manu Pozo (Billardeiros Musicais): 100 puntos.
Daniel (Billardeiros Musicais): 95 puntos.
Markytos (Bill. M.), Regueiro e Sachas (Troi.B.) e Rubén (Chainzos-Cadaval): 94 puntos.

Donas:
Geni (Billardeiros Musicais): 69 puntos.
Paula (Chainzos-Cadaval): 66 puntos.
Lorena (Chainzos-Cadaval): 36 puntos

Equipos:
Billardeiros Musicais (Ribadeo): 390 puntos.
Carabullo (Ponte Outeiro): 382 puntos.
Chainzos-Cadaval (Terra Cha/Castro Rei): 365 puntos.

A seguinte xornada será o Trofeo do Galo en Ribadeo o 16 de decembro. Antes, o sábado 25 de novembro, celebrarase a “XI Copa Cantábrica” contra a selección Asturiana de “liriu” en Piedras Blancas.