Skip to main content
Uncategorized @gl

Xogadores da Conferencia Norleste da LNB fanse coa Copa Cantábrica de billarda en Asturias

Por 29 Novembro, 2017Sin comentarios

O combinado galego fíxose coa undécima Copa Cantábrica de billarda.

Xogadores da Conferencia NorLeste da Liga Nacional de Billarda (LNB) desprazábanse ata Piedras Blancas (Castrillón) para disputar a undécima Copa Cantábrica que dende a súa recuperación no 2013 luce en Remourelle.

Este encontro astur-galaico de “billarda” para os galegos e “lirio” para os asturianos contaba con Daniel e Geni de Billardeiros Musicais, Jorge, Luis Ares e Pepe de Outeiro de Chaínzos-Cadaval, Flores e Xermán de Ekipa-Bíteres, Suso Villarino de Remourelle Bulls e Noé e Sachas de Troitas Bravas seleccionados por Manolo Flores. David Navallo, do Troitas Bravas, tamén viaxaba para xogar co escaso plantel asturiano liderado por Javier Hevia.

A competición comezaba coa modalidade “encastrau” á que xogan habitualmente en Asturias e que consiste en introducir a billarda no “castru”, un círculo de 60 metros. Os asturianos non permitiron grandes diferenzas e o encontro remataba coa vitoria forasteira por 29 a 31.

Xa na segunda metade os galegos afastábanse no taboleiro ata o 52 a 68 asegurando a volta da Copa Cantábrica, entregada polo concelleiro de deportes de Piedras Blancas, para Galicia un ano máis.

Geni, Daniel e Xermán foron os mellores do combinado galego e no asturiano destacaba o rendemento de Arturo, Navallo e Javier Hevia.

Tras participar nun xantar de irmandade coa fabada como prato estrela, volvía a competición a modo de aberto, a modalidade galega, cun coello como premio ao gañador. Neste caso foi para Arturo que xa destacara pola mañá co seu xogo eficaz e seguro.