Skip to main content
ActualidadeVilalba

O Capón de Vilalba non falla polo Nadal

Por 12 Decembro, 2017Sin comentarios

Representantes dos criadores, Concello e Deputación presentaron a Feira do Capón 2017.

Un ano máis polo Nadal os Capóns chegarán ás mesas dos seus devotos dende as granxas dos 60 criadores e criadoras vilalbesas que, con mimo, coidaron e alimentan ata as datas próximas a Noiteboa.

Xa son moitos os exemplares comprometidos, pero tamén chegará unha parte das 1.800 unidades que oscilan entre o 4 e os 6 quilos á tradicional Feira do Capón que este ano se celebra o xoves 21. A súa celebración tiña lugar o domingo anterior a Noiteboa que este ano coincide en domingo, polo que os propios criadores decidiron trasladar ao xoves a celebración da feira que abrirá ás dez da mañá. Xa ás doce e media entregaranse os premios aos mellores criadores de capóns, mellor par e mellor cesta por un importe total de 650 euros doados por Nacex Integra2.

Tamén colaboran coa cita que, segundo a concelleira de Cultura, Feiras e Mercados e asociacionismo rural, Cheri Grandío, serve como “escaparate do produto”, Caixa Rural e a Deputación que achega 3.000 euros. O deputado provincial, Eduardo Vidal subliaba durante a presentación da feira que “dende o Goberno da Deputación apostamos pola celebración deste tipo de citas coas que dinamizamos o rural lugués ao mesmo tempo que promovemos a comercialización de produtos autóctonos como é o caso do capón, un produto de primeira calidade, pois os animais son cebados e criados con máximo coidado”.

A mañá rematará coa degustación desta exquisita carne e a animación musical a cargo da Charanga de Vilalba e a Banda de Gaitas Mato Vizoso. Ao longo da xornada, os asistentes á feira tamén poderán adquirir produtos da zona como queixo de San Simón da Costa, roscón, roscas e outros produtos artesanais nos postos instalados para a ocasión.

E como é tradición, tamén para a ocasión se enviarán Capóns ao presidente de Xunta, ao director da RAE, o cardenal Rouco Varela e o mantedor do certame literario polas festas de San Ramón e Santa María.

O orzamento total da feira alcanza os 35.000 euros tendo en conta o mobiliario coma a carpa que se aproveitará tamén para outros eventos e actividades neste Nadal.

Xornadas gastronómicas do Capón
En paralelo á Feira, dende o día 20 ao 23 de decembro, a capital da Terra Chá acollerá as xornadas gastronómicas do Capón, coa elaboración de tapas que se poderán degustar todos os días en horario de unha a tres e de oito a once por un prezo de 2,50 euros en 18 establecementos de Vilalba -Centro Cultural, Xalundes, A Casa das Xaquinas, Lembranzas, O Porrón, Bar Centro, Mesón O Carballo, Estudiante, A Lareira, Cristal, A Taberna, Vintage Alborada, Mesón do Campo, Hostal O Cristo (Goiriz), Parador, La Casa del Lobo, Lar Os Píos e Sunday-.

Algúns deles tamén ofrecen o Capón dentro do menú.

IXP
O Capón de Vilalba foi recoñecido como IXP. Se ben nesta edición da feira os exemplares aínda non contan co selo, os produtores poderanse acoller ao recoñecemento cumprindo a normativa.

A ese respecto, o Concello púxose en contacto coa consellería para que esta transmitira directamente a información necesaria para a súa adaptación.